Rosalía de Castro terá unha estrela e o Río Sar será un planeta

Unhas 34.000 persoas participaron na votación online para elixir os nomes
Imagen de HD 149143. IAU
photo_camera Imaxe de HD 149143. IAU

Rosalía de Castro e Río Sar son os nomes elixidos por España para unha estrela e un planeta, respectivamente, nunha votación popular organizada pola Unión Astronómica Internacional (IAU) para bautizar diferentes astros de fóra do sistema solar.

A estrela e o planeta asignados para España que agora contan co nome da escritora e o río galegos atópanse na constelación de Ofiuco, coñecida como "O cazador de serpes", situada a 240 anos luz da Terra, segundo anunciou a IAU, que celebra con este proxecto en máis de 110 países o seu centenario.

Rosalía de Castro é unha estrela amarela anana parecida ao noso sol, coñecida anteriormente co nome HD 149143 e co Río Sar na súa órbita, un planeta gaseoso cun tamaño 1,3 veces superior a Júpiter.

Os nomes españois foron elixidos nunha votación online realizada entre o 23 de outubro e o 12 de novembro deste ano na que participaron 34.000 persoas e cun 39% dos votos venceu a proposta da Agrupación Astronómica Coruñesa ÍO que quería homenaxear "a figura máis importante da cultura galega".

A súa constelación está a 240 anos luz da Terra

A escritora (1837-1885) é unha dos grandes poetas do século XIX español e é autora entre outras obras de Cantares gallegos, Follas novas ou En las orillas del Sar. Precisamente o nome elixido para o planeta que orbita á estrela é este río Sar, afluente do Ulla e presente na obra da escritora.

Como a constelación é denominada "O cazador de serpes" algunhas propostas españolas viraban ao redor desta temática como Culebre e Xaana, personaxes da mitoloxía asturiana, Culebra ou Malpolón, ou Zamenis e Ophion, en referencia á mitoloxía grega.

Outras opcións propostas por agrupacións astronómicas españolas foron Girasol e Pétalo, os amantes de Teruel, Isabel e Diego, o explorador Elcano e a súa nave Vitoria, ou Tirant e Carmesina, personaxes dunha novela caballeresca catalá publicada en 1490.

A Unión Astronómica Internacional asignou unha estrela e un planeta que fose visible desde o país elixido e que fose suficientemente brillante para albiscalos cun telescopio pequeno desde a latitude do país. 

Comentarios