Antón Sánchez nega que Anova ofrecese ao BNG concorrer de forma conxunta ás europeas

De cara ás municipais opina que "non é eficaz" presentar varias marcas rupturistas e avanza o apoio a Jorge Duarte en Ferrol

Antón Sánchez. AEP
photo_camera Antón Sánchez. AEP

O portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, negou que a súa formación fixese ningún ofrecemento ao BNG para concorrer en alianza ás europeas e limitou a unha "opinión" que o confundador de Anova, Xosé Manuel Beiras, ofrecese iniciar "conversacións" para incluír á formación galega na candidatura que EH Bildu, ERC e BNG teñen xa pechada. 

Nunha entrevista na Radio Galega, o tamén viceportavoz de En Marea no Parlamento asegurou que "nunca houbo ningunha proposta concreta de concorrencia ás europeas por parte de Anova, polo tanto a partir de aí todo o resto, sobra". 

Nesta liña, Sánchez profundou na idea de que "en absoluto Anova puido facer esa proposta porque non ten decidida a fórmula de concorrencia". Así, avanzou que no espazo "haberá que establecer conversacións" antes de tomar "unha decisión", que espera poder ter no mes de marzo. 

O viceportavoz de En Marea no Parlamento de Galicia destacou a importancia de saber "ler o momento" e "o perigo que neste contexto ten a extrema dereita".

MARCAS DE MAREAS NAS MUNICIPAIS. Na entrevista, Sánchez tamén deu conta das fórmulas de concorrencia de Anova de cara ás eleccións municipais. Así, declarou que "o gran obxectivo" é "apoiar, traballar as candidaturas de unidade popular dos concellos que funcionaron dun modo cohesionado". 

Sánchez explicou que a súa formación aposta porque "alí onde houbese esas candidaturas, os militantes de Anova participarían a nivel individual, en pé de igualdade". 

O portavoz nacional de Anova afirmou que "o primeiro obxectivo" é que "en cada concello a amplitude das candidaturas sexa a maior posible", pero que en cada un tense que decidir a fórmula". 

Sobre a posibilidade de que nun mesmo concello preséntense varias marcas de mareas rupturistas, Sánchez opinou que "non é eficaz" e que non lles parece ben que "se fragmente o voto". Ademais, detallou que en Ferrol apoiarán "a candidatura de Ferrol en Común con Jorge Duarte". 

Comentarios