Sánchez replica a Feijóo desde A Coruña e di que 'cumprirá' co AVE e con As Pontes

Gonzalo Caballero y Pedro Sánchez, en el mitin de A Coruña CABALAR
photo_camera Gonzalo Caballero e Pedro Sánchez, no mitin da Coruña. CABALAR

O presidente do Goberno en funcións e candidato socialista á reelección, Pedro Sánchez, defendeu que o Executivo "cumpre con Galicia" e "vai cumprir co AVE", manifestou nun mitin na Coruña despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo asegurase que o tren de alta velocidade non chegará a esta autonomía ata 2021. 

Nunha intervención ante unhas 1.500 persoas, no polideportivo San Francisco Javier, referiuse tamén á situación da comarca das Pontes ante o anuncio de peche da central térmica de Endesa. 

"Este Goberno dará solucións, dará unha perspectiva de futuro, fará xustiza e non deixará a ninguén atrás". "Defendermos, apoiaremos e daremos oportunides a comarcas e zonas que están a sufrir o cambio de paradigma no modelo enerxético para loitar contra o cambio climático", sentenciou. 

Antes, defendeu tamén que o Goberno de España "cumpre con Galicia" e vai "cumprir co AVE". "E deica pouco teremos á fronte de Galicia a un presidente da Xunta como Caballero -dixo sobre o secretario xeral dos socialistas galegos- que aproveitará ese enorme caudal de oportunidades que vai supor o AVE para multiplicar a prosperidade e o progreso". 

Por outra banda, en alusión ás enquisas, Sánchez mostrouse convencido de que, tanto a nivel estatal como en Galicia, o PSOE "gañará de novo". No entanto, apelou a acudir a votar, incidindo en que os comicios non se gañan nas sondaxes. 

"A día de hoxe temos o mesmo número de votos, cero", insistiu sobre todas as formacións políticas que concorren o 10 de novembro, durante un discurso no que pediu que se acuda a votar "masivamente". 

Comentarios