Sanidade defende que a atención ao paciente que morreu no PAC de Lalín foi "adecuada"

Atribúe o tempo de espera pola ambulancia, de 36 minutos, a que se produciron dúas chamadas, porque na primeira non se considerou "prioridade médica" segundo os criterios do médico do 061
Vázquez Almuiña. AEP
photo_camera Vázquez Almuiña. AEP

O conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez Almuiña, asegurou este mércores que a atención ao paciente que faleceu o luns na PAC de Lalin tras esperar 36 minutos a ser trasladado por unha ambulancia foi "adecuada" e atribuíu os tempos a que houbo dúas chamadas de alerta. En resposta a preguntas dos medios, dixo que durante os 36 minutos nos que o paciente esperou por unha ambulancia producíronse "dúas chamadas" a urxencias, a primeira delas "sen prioridade médica segundo os criterios do médico do 061" que a atendeu. Foi a segunda na que se deixo constancia do agravamento do paciente, e logo da que, dixo o conselleiro, foi trasladado ao momento de Atención Continuada de Lalín, onde foi "tratado polo equipo completo". 

Os sanitarios "fixeron as actuacións necesarias" alí, dixo Vázquez Almuiña, a pesar das cales o paciente, con "complicacións", "desgraciadamente non puido superar" a situación e terminou falecendo. En todo caso, o conselleiro afirmou que "foi tratado adecuadamente por un equipo completo da PAC" e o traslado fíxose "seguindo dúas chamadas diferentes" e os "criterios dos facultativos do 061". 

A Asociación O Defensor do Paciente remitiu unha carta ao fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, para que investigue esta morte, que foi denunciada polos Socialistas de Lalín. O home, de 74 anos, faleceu na noite de luns por complicacións nas patoloxías cardiorrespitarias que padecía. Fíxoo no Punto de Atención Continuada (PAC) do centro de saúde de Lalín, ao que foi trasladado por unha ambulancia desprazada desde Chantada, a 40 quilómetros de Catasós, a parroquia lalinense na que residía e á que tardou 36 minutos en chegar a dotación de Urxencias Sanitarias 061. 

Comentarios