Sanidade levanta as restricións sobre o consumo de auga en Corme

A inxesta de auga é segura segundo informa a Consellería 
Exterior de la Consellería de Sanidade, en Santiago. DP
photo_camera Exterior da Consellería de Sanidade, en Santiago. DP

A Consellería de Sanidade pechou a situación de alerta e levantou as restricións sobre o consumo de auga en Corme, no concello coruñés de Ponteceso, despois de que as últimas mostran constaten a inexistencia de norovirus na auga, polo que a súa inxesta é segura.

Nun comunicado, o departamento autonómico informa de que recibiu esta mañá de venres as analíticas do Laboratorio de Saúde Pública da Xunta e da empresa xestora do abastecemento, e que os resultados de ambas son coincidentes e acreditan a non contaminación microbiológica nin por norovirus, o axente causante do brote de gastroenterite que afectou a unha trintena de persoas. 

Por iso, conclúe que a inxesta da auga da traída cumpre cos requisitos esixidos que garanten a súa potabilidade e o seu consumo. 

Unha investigación revelou hai dous días que a traída estaba enganchada ao tanque de tormentas de augas residuais, o que podería motivar a presenza de bacterias contaminantes que ocasionaron o brote de gastroenterite. 

Este venres deuse por finalizado este episodio coa resolución do problema e a constatación das analíticas de que a auga de Corme é potable.

Comentarios