Sanitarios e veciños de Verín toman as uvas no hospital para reclamar o paridoiro

Os protagonistas do peche proponse prolongalo ► "Empézase por aí, pero aos poucos xa hai moitas menos cirurxías", din
Acto de protesta en Verín. EFE
photo_camera Acto de protesta en Verín de hai uns días. EFE

Arredor dunha quincena de persoas, entre elas profesionais sanitarios e veciños de Verín que participan no peche para reclamar a reapertura do paridoiro e das urxencias pediátricas, despediron 2019 tomando as tradicionais doce uvas no interior do hospital. 

Desde principios de decembro, cando se materializou o peche do servizo, verineses túrnanse neste peche no centro a modo de protesta. "Os veciños están súper implicados", celebra, en declaracións a Europa Press, unha das matronas que pasaron a Noitevella no hospital. 

Logo da cea do martes, sobre as 22.00 horas, varios veciños acudiron ao paridoiro para vivir as badaladas de fin de ano en compañía dos sanitarios e outras persoas que protagonizaban o peche. "Traían doces caseiros", relata unha das profesionais. Tras as uvas, outros verineses decidiron sumarse á celebración e así superar a vintena. 

A "contestación social" que está a xerar na comarca de Monterrei a decisión do Sergas de pechar o paritorio é algo que mantén sorprendidos os profesionais do propio hospital que non están de acordo coa medida. "En Noitevella había xente de 70 e pico anos, pero hai xente de incluso 80 que pasa noites aquí. Nunca pensei que fosen aguantar tanto", manifestan.

PANXOLIÑA SATÍRICA. Durante a festa, que en todo momento mantivo o ton reivindicativo, cantouse unha panxoliña satírica na que se pedía o cesamento do xerente do Área Sanitaria de Ourense, Félix Rubial, e do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña. "Rubial dimisión, Almuiña dimisión, e para o ano non comades no Sergas o turrón", versaba o retrouso. 

Os participantes na protesta de Noitevella advirten de que "se fai falta, aguantan ata as próximas eleccións" autonómicas, previstas para o outono do 2020, se iso vai facer que "todo cambie". E é que, ao seu xuízo, "empézase por aí —polo peche do paridoiro e das urxencias pediátricas— pero aos poucos xa hai moitas menos cirurxías".

Comentarios