Santalices pide ao Apóstolo superar "problemas" como o secesionismo e a violencia de xénero

Na misa da Translación, o presidente do Parlamento galego destaca as "catro décadas de luces" do réxime constitucional 

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, exerceu este domingo de delegado rexio na Translación dos restos do Apóstolo Santiago, a quen pediu a superación de "problemas" como o "desafío secesionista", a violencia de xénero e a crise económica. 

Así o expresou na Catedral de Santiago, onde agradeceu a "honra e responsabilidade" de ser designado delegado rexio polo rei Felipe VI na Ofrenda Nacional ao Apóstolo

Santalices repetiu así representación, dado que xa exerceu como delegado da súa Maxestade o pasado ano nesta tradicional cerimonia do 30 de decembro, na que se recorda o traslado dos restos do Apóstolo Santiago desde o porto de Jaffa (Xerusalén) ata as costas galegas, onde foron desembarcados no porto de Iria Flavia (Padrón). O presidente da Cámara galega tamén foi este mesmo ano delegado rexio na Ofrenda ao Apóstolo do 25 de xullo. 

Neste contexto, Santalices apelou ás "catro décadas de luces" que representa a Constitución de 1978, da que recoñece que "resolveu boa parte dos problemas históricos" de España, "aínda que persistan outros" como as "dificultades económicas da crise", o "distanciamento" fronte ás institucións "e, sobre todo, o desafío secesionista". Sobre este punto, Santalices asegurou que o procés nacionalista catalán supón "un quebrantamento democrático" que deixa a España "ante o maior reto das últimas décadas".

INMIGRACIÓN. Ademais, valorou que os 40 anos de réxime democrático constitucional trouxeron "un cambio de paradigma migratorio" que converteu a España "nun destino cobizado para a inmigración", que é "beneficiosa" para a economía e "enriquecedora" no cultural. No entanto, pediu unha "inmigración ordenada" que busque "a integración e respecte a integridade territorial, o ordenamento xurídico e os dereitos e liberdades dos territorios de acollida". 

Así mesmo, o presidente do Lexislativo galego resumiu os 40 anos da Constitución como un tempo de "avances" sociais e científicos "outrora imaxinables". Neste sentido, alertou de precipicios "nunca antes coñecidos, como a anunciada creación de seres humanos xeneticamente". "Manipular o ADN con fins eugenésicos sitúa aos seus artífices á altura de quen impulsaban, desculpaban ou ignoraban o acontecido nos campos de concentración nazis e en tantos outros escenarios de atrocidade", explicou Santalices.

VIOLENCIA MACHISTA. A continuación, lamentou que se segue "sen atopar a fórmula que permita erradicar secuelas" como a violencia no ámbito familiar e contra as mulleres, o que evidencia, segundo as súas palabras, "que a igualdade é un obxectivo necesario, pero difícil de materializar". 

Tamén referiu a outros problemas como o "extremismo, a intolerancia, a violencia ou o terrorismo nas súas diferentes manifestacións", que "continúan golpeando con forza" e "esparciendo dor entre vítimas inocentes, sempre entre os máis vulnerables". 

"Inspíranos, Apóstolo Santiago, para superar as dificultades do momento, sexan en materia de desemprego, de desilusión ou de dificultades económicas. Que sexamos capaces de edificar unha sociedade máis solidaria e honesta, sempre predisposta na defensa da dignidade das persoas", sentenciou. 

Cara ao final do seu discurso, o presidente do Parlamento de Galicia pediu que os traballos preparatorios para o Ano Santo Xacobeo 2021 "conduzan a unha celebración proveitosa" na que "todas as inquietudes —relixiosas e laicas, culturais ou de simple lecer— teñan acollida". 

Como conclusión, Santalices citou ao histórico galeguista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, quen no seu discurso Alba de Groria, pronunciado en Buenos Aires fai 70 anos, invocaba: "Que a fogueira do espírito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares". "Que así sexa", resolveu o delegado rexio.

A misa da Translación foi precedida pola recepción do delegado rexio na Praza do Obradoiro por parte das Forzas Armadas, cuxa banda de música interpretou en dúas ocasións o himno de España. 

Fronte á Catedral e ao Pazo de Raxoi tamén se congregaron para recibir a Santalices autoridades como o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, así como membros do Goberno galego e da corporación municipal, entre outros. 

Comentarios