Santiago recurrirá a "nesgada" sentenza das estatuas do Mestre Mateo

Noriega confía en que as próximos instancias "non se instalen nun franquismo sen Franco" ►O BNG apoia a decisión do goberno local 

Esculturas de Abraham e Isaac. EP
photo_camera Esculturas de Abraham e Isaac. EP

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, asegurou este luns que a sentenza que dá a razón á familia Franco en relación á propiedade das estatuas da fachada do Pórtico da Gloria "se extralimita" e é "nesgada", e confiou en que as seguintes instancias "non se instalen nun franquismo sen Franco". En declaracións aos medios tras coñecerse o pasado venres a resolución, Noriega explicou que, desde o concello, "acátase" a decisión, pero non se "comparte", e que nos próximos días presentarase recurso contra ela. 

Da sentenza, considerou que "dá máis argumentos en favor da familia Franco que o seu propio avogado", cuestionando elementos que "nin sequera cuestionou" o seu letrado, como a identificación das pezas ou o documento oficial de compra en poder do consistorio. En particular, Noriega afeou que a sentenza "cuestione" as achegas de expertos como Ramón Yzquierdo, "un dos maiores especialistas en materia medieval", e reiterou que o concello cre que "ten a razón" e seguirá "pelexando" neste sentido. 

"Na medida que entendemos que esta é unha guerra de longo percorrido e que isto só foi unha batalla, tócanos recorrer coa vontade de que a xustiza poida facer xustiza", dixo o rexedor, que lembrou que desde o ámbito municipal xa se daba por feito que este asunto chegaría até o Supremo. 

Para Noriega, tras este fallo hai o "transfondo" de que poida marcar un precedente de reivindicación de patrimonio por parte dunha administración á familia Franco, algo que "posiblemente condicione aos maxistrados". "Pero cremos que temos a razón", sentenciou. 

BNG. A concelleira e candidata á alcaldía do Concello de Santiago de Compostela do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Goretti Sanmartín, mostrou, en nome da súa formación, o apoio ao goberno local para que recorra a sentenza "absolutamente disparatada" das estatuas obra do Mestre Mateo, Isaac e Abraham, que están en posesión dos Franco. Nunha rolda de prensa na mañá deste luns, lembrou que se trata dunha sentenza recurrible, polo que avogou por "darlle continuidade ao clamor popular" para que as estatuas do Mestre Mateo "sexan bens de dominio público".

Comentarios