O satélite LUME-1 da UVigo completa o seu lanzamento con "éxito" desde Rusia 

A súa misión será dar soporte aos sensores de terra que detectan o lume e achegar unha conexión con avións non tripulados

Lanzamiento del satélite LUME-1. UVIGO
photo_camera Lanzamento do satélite LUME-1. UVIGO

A aventura espacial da Universidade de Vigo (UVigo) consolidouse este xoves co "éxito" do lanzamento do satélite LUME-1, o cuarto lanzado a espazo por esta universidade, que é unha especie de vixiante automático dotado con tecnoloxía "punteira para loitar contra os incendios forestais".

Os investigadores da Agrupación Aeroespacial reuníronse ás tres da madrugada deste xoves na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación para seguir en directo o lanzamento, que tivo lugar desde a base espacial rusa de Vostochny, en Siberia, a bordo da nave Soyuz. 

"Todo foi segundo o previsto, todo correcto", celebrou este xoves o profesor e investigador Fernando Aguado, director da Agrupación Aeroespacial. 

O LUME-1 xa pasou por Vigo por primeira vez, desde a estación de control da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación púidose ver pasado a penas un cuarto de hora das 11.00 horas deste xoves. Deste xeito, puideron comprobar que todo ía segundo o planeado e o satélite tiña a "batería cargada", levaba as súas "antenas despregadas" e "todos os comandos en funcionamento". 

Tanto Aguado como a vicerreitora de Investigación da UVigo, Belén Rubio, e Diego Nodar, cofundador da empresa Alén Space, spin-off da UVigo, fixo fincapé na necesidade de sacar "o máximo proveito posible" a toda esta tecnoloxía "desenvolvida en Galicia" e que conta "coa calidade suficiente para poder ser exportada a calquera parte do mundo". 

Este satélite forma parte do proxecto FireRS de loita contra os incendios forestais, financiado pola Unión Europea con máis de dous millóns de euros e no que ademais da UVigo participan a Universidade de Porto (Portugal) e o CNRS francés. 

O LUME-1 é un satélite "cubesat tipo 2O" cunhas dimensións de 20 "x 10 x 10" e un peso de 2,1 quilogramos. Cada hora e media, aproximadamente, dará unha volta completa á Terra. Polo tanto, pasará entre catro e seis veces diarias polo Campus de Vigo. 

A súa misión fundamental será dar soporte de comunicación bidireccional a sensores de terra que detectan o lume, desenvolvidos polo grupo Cima da UVigo, así como achegar unha conexión cos avións non tripulados, os chamados UAVs, deseñados na Facultade de Enxeñaría da Universidade de Porto. 

Comentarios