A selectividade de 2020 sufrirá cambios nas súas datas e horarios

Xuntaranse nun único proceso as reclamacións, as segundas correccións e as reclamacións á segunda corrección
Examen de Selectividade. XESÚS PONTE
photo_camera Examen de Selectividade. XESÚS PONTE

A convocatoria da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU), anteriormente coñecida como selectividade, experimentará diversos cambios organizativos de face ao ano que vén. 

O primeiro deles, segundo informou a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), radica na data dos exames, que se celebrarán entre o 9 e o 11 de xuño e entre o 1 e o 9 de xullo co obxectivo de que se celebren entre martes e xoves (en lugar de mércores a venres). 

Así mesmo, unha das novidades será a ampliación do horario das probas, que incluirán a tarde do terceiro día. Esta franxa está reservada "para posibles incidencias que poidan xurdir", e así evitar problemas como os rexistrados o pasado ano. 

Doutra banda, xuntaranse nun único proceso as reclamacións, as segundas correccións e as reclamacións á segunda corrección, que pasarán a denominarse 'revisión'. 

Este novo proceso permite aos interesados contar cun prazo de tres desde a publicación das cualificacións para solicitar esta revisión nun ou varios exames. Analizarase se existiu algún erro material na proba, realizarase unha segunda corrección, entre outras medidas. 

Finalmente, os chamamentos para a matrícula realizaranse en dous días coa intención de poder contar con catro antes de terminar o mes de xullo e facilitar a matrícula do alumnado. "Logo de cada chamamento, no caso de non ser chamado a matrícula, será necesario reconfirmar o interese en seguir nas listaxes da CIUG", engaden. 

Comentarios