A selectividade termina en Galicia con dúas sospeitas de Covid-19, que deron negativo

Non se produciron incidencias na Mariña
Alumnos nun dos exames da selectividade en Lugo. XESÚS PONTE
photo_camera Alumnos nun dos exames da selectividade en Lugo. XESÚS PONTE

As probas de selectividade finalizaron este xoves en Galicia e deixan dúas alertas por posibles casos de Covid-19, que deron negativo nas probas PCR que se lles practicaron. Non houbo incidencias na comarca da Mariña, que permanece pechada desde o luns polo rebrote da enfermidade na zona. 

Así o indicou o vicepresidente da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) Pedro Armas, a Europa Press. O mércores, concretou, unha alumna que estaba a realizar os exames na facultade de Economía de Santiago de Compostela informou de que tiña calafríos, polo que se aplicou o protocolo e illoulla xunto ao representante do seu centro nunha aula ventilada e deuse aviso á familia e ás autoridades sanitarias. 

A moza someteuse a unha proba PCR que deu negativo e este xoves seguiu facendo as probas con normalidade xunto aos seus compañeiros, indicou Armas. 

No caso de Vigo, que se produciu o martes, o estudante afectado fixo os exames da mañá e, ao regresar ao seu domicilio, responsables das autoridades sanitarias recomendáronlle que non continuase coas probas debido a que estivera en contacto cun familiar que estivera no estranxeiro e dera positivo. No entanto, tamén deu negativo na proba. 

Este alumno poderá presentarse en setembro aos exames mantendo "as prerrogativas" de xullo no que respecta ao acceso ás carreiras, sinalou Armas. Ter todo "tan planificado", valorou, permitiu "actuar con axilidade" ante este tipo de casos. 

No caso "singular" da Mariña, cuxos estudantes estaban convocados para examinarse en Viveiro, non houbo incidencias, agregou Armas. O domingo, tras anunciarse o peche da comarca, os responsables das probas tiveron que facer reaxustes para que os estudantes procedentes da zona de Ortigueira, que debían ir a Viveiro, fosen á Coruña; e os de Mondoñedo, que debían ir a Lugo, fosen a Viveiro. 

Comentarios