Un septuaxenario lucense acepta dous anos por ofrecer 20 euros a unha nena por deixarse "tocar"

O veciño de Monforte fixo a proposición á menor de nove anos nun parque da localidade

Un veciño de Monforte de Lemos de 77 anos, M.L.R.R., aceptou dous anos de prisión por un delito de corrupción de menores por invitar, nun parque da localidade monfortina, a unha nena de nove anos a ir á súa casa e deixarse "tocar" a cambio de 20 euros.

A Fiscalía e o avogado do procesado chegaron a un acordo de conformidade, ao aceptar o septuaxenario os feitos durante unha breve vista que tivo lugar na Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo.

O home, que probablemente non entrará en prisión dada a súa avanzada idade, manifestou aos medios antes de entrar no xuízo que descoñecía a que ía e dixo que se decatou polo avogado. "Non, non sabía nada, non teño nin idea de nada", dixo, para engadir que se consideraba "inocente de todo" aínda que posteriormente, ante o tribunal, admitiu os feitos.

O procesado confesou que "non" estaba "ben", desde "hai tempo" con problemas de cabeza "e no pulmón". "Vin hoxe porque non me chamou o médico de Monforte, do hospital, porque se me chega a chamar xa non viña", puntualizou, á vez que concretou que vive "só" en Monforte, e que ten sobriños en Ourense e no Courel.

Segundo o relato de feitos da Fiscalía, o procesado o 14 de xullo de 2016 chamou "guapa" a unha menor e, ao día seguinte díxolle: "Vente á miña casa, douche vinte euros e deixas que che toque". Posteriormente, o 18 de xullo reiteroulle á pequena, "guapa, ¿queres os vinte euros?".

O septuaxenario, ademais dos dous anos de prisión que aceptou, terá outros dous anos de liberdade vixiada, sen que poida aproximarse á menor á que intimidou.