lunes. 14.10.2019 |
El tiempo
lunes. 14.10.2019
El tiempo

MANUEL VÁZQUEZ LÓPEZ, EX XEFE SUPERIOR DE POLICÍA DE GALICIA

"Ser policía non é un oficio calquera, hai que estar sempre disposto a axudar"

Manuel Vázquez López. MONCHO FUENTES
Manuel Vázquez López. MONCHO FUENTES
O veterano comisario colga o uniforme tras 45 intensos anos de carreira nos que investigou á familia Pujol ou a trama Gürtel, pero non lle gusta que lle mencionen casos concretos porque indagou "en todos por igual, co maior número de medios posible". No último trienio dirixiu a Policía en Galicia, á que deixa entre as comunidades máis seguras de España

Acaba de colgar o uniforme hai tres días. Asimila a súa vida sen servir aos cidadáns?

Foron 45 anos co uniforme, pero con 65 a lexislación di que hai que xubilarse, o que non quita que non sigas facendo cousas na vida.

Durante os seus tres anos e medio á fronte da Policía en Galicia, esta mantívose como unha das comunidades máis seguras, mesmo cun descenso da maioría de tipoloxías delituosas. Parece todo un logro tendo en conta a escalada criminal doutras zonas, como Barcelona.

Temos unha plantilla moi boa e os galegos somos xente pacífica que tratamos de desfrutar da vida sen crear problemas.

Inflúe a ausencia de grandes urbes?

Unha gran cidade ten unhas connotacións en materia de seguridade distintas das dunha pequena ou mediana. De todos modos, hai que ter en conta que en A Coruña ou Vigo se moven unhas 400.000 persoas todos os días porque nelas fan vida os habitantes de toda a área metropolitana. E o caso de Santiago, que a visitan centos de miles de persoas ao ano. A Policía ten que garantir a protección de toda esa xente.

Con todo, en Galicia os delitos máis graves adoitan producirse no rural, como os cinco crimes machistas deste ano. Hai máis risco no campo?

As zonas rurais teñen a connotación de ser máis illadas e pode custar detectar casos. Sobre todo é difícil se non hai denuncias previas porque non temos constancia de que poida ocorrer algo. É un tema realmente complexo onde deben converxer ámbitos educativos, policiais, xudiciais e no que temos que seguir traballando.

¿Podería falarse entón de máis delincuencia pero de menor intensidade nas cidades e sucesos illados pero máis graves no rural?

Si, probablemente. Hai que partir da base de que no rural hai pouca poboación por quilómetro cadrado e, por dicilo de xeito sinxelo, ofrecen menos que roubar. Ademais, se chegan dous ou tres estraños a unha aldea, a xente alértase. As cidades permiten o anonimato e iso favorece aos delincuentes.

Tomando unha visión global de Galicia, os datos de criminalidade reflicten un descenso de delitos como lesións ou roubos aínda que hai unha suba especialmente preocupante: a de abusos sexuais. ¿Hai realmente máis casos que antes oun denúncianse agora máis por unha maior concienciación?

Agora hai menos medo a denunciar. Desde o punto de vista policial podo dicir que aumentaron as denuncias de ámbito sexual entre persoas coñecidas entre si. E que o 99% dos casos acaban esclarecidos, co autor localizado e detido.

Tamén preocupa o aumento das estafas por internet.

Si, hai unha subida importante que vai aparellada a un incremento no comercio electrónico. É un fenómeno global. Nós colaboramos moito coa prevención destes delitos con charlas nos colexios e temos unha estrutura de intelixencia para tratar de detectar redes criminais que se adican a isto.

O terrorismo necesita apoio social e na nosa comunidade non o ten. Na práctica, Resistencia Galega leva xa anos inactiva

Un dos temas que máis inquieta actualmente é o do terrorismo, máxime tras as detencións dos CDR. Parece que Galicia logrou esquivar esta lacra pese a contar coa única banda terrorista en activo, Resistencia Galega.

Aínda que formalmente non estea disolta, na práctica Resistencia Galega está inactiva desde hai bastantes anos e afortundamente non temos máis actividade de terrorismo autóctono. Isto explícase porque o terrorismo non tería en Galicia ningún apoio social. No que respecta ao xihadismo, aquí en España estase a traballar moi ben e xa se levan detectado varias persoas que estaban radicalizándose.

¿Está Santiago de Compostela no punto de mira xihadista?

Non hai información que apunte directamente a Santiago. Pode ser obxectivo como moitos outros destinos turísticos.

Outra das lousas que pesan sobre Galicia é o narcotráfico. Como ve a situación actual?

Si. O narcotráfico foi un tema moi relevante e segue a selo en Galicia. A clave está en que a Policía leva anos combatíndoo ao máximo nivel. A comisaría xeral de Policía Judicial ten aquí destacado un grupo importante como é o Greco Galicia, ademais das unidades especializadas como é a Udyco. Nos últimos tempos houbo incautacións moi relevantes de cocaína, hachís e heroína, que está repuntando. Hai moito traballo a nivel de intelixencia e investigación e iso vese na cantidade de barcos interceptados con droga en altamar. A este tipo de organizacións hai que incautarlles a droga pero sobre todo os bens, que é o que máis lles doe.

¿A vixilancia policial funciona como elemento disuasorio?

Si. Os narcos son conscientes de que hai moitas aprehensións e de que poden acabar no cárcere.

En xeral, dá por cumpridos os retos que se fixou cando accedeu á xefatura do corpo hai tres anos e medio?

Si. Basicamente estou satisfeito. Sempre se poden lograr máis cousas, pero os colegas que quedan aquí e o meu sucesor seguirán traballando para que Galicia siga sendo moi segura.

Considera que ten algunha materia pendente?

Sempre hai cousas que gustaría resolver, como algúns homicidios.

Como o de Sonia Iglesias?

Si, ou o dobre crime de O Ceao en Lugo. Quero transmitir que a Policía segue sempre investigando calquera indicio. E sexa quen sexa o nome da vítima. Antes do caso de Blanca Fernández Ochoa, investigamos a desaparición dun coruñés que atopamos en xuño no embalse de Belesar. Adicamos todos os recursos dispoñibles: buzos, drons, helicópteros, xeorradar… Que trascenda máis ou menos nos medios non depende de nós, senón do ruido mediático.

Hai crimes que levan anos sen resolver pese a poñer todos os esforzos, como o de Sonia Iglesias ou o de O Ceao

Falando de materias, vostede licenciouse en Ciencias da Información pola Complutense. Tiña máis vocación de xornalista ou de policía?

Eu penso que a vocación vaise configurando co paso dos anos. Eu ingresei na Policía porque me gustaba e logo estudei Ciencias da Información porque me gustaba. De Policía traballei bastantes anos e de xornalista non exercín, pero nunca se sabe (risas).

Cre que ambas profesións teñen trazos en común?

Investigar e estar moito na rúa, que é a mellor forma de enterarse das cousas. Pechado nun despacho non se palpan os feitos e podes ter informacións sesgadas.

Antes de dirixir a Policía en Galicia coordinou as investigacións no caso Gürtel, os cursos de formación de Andalucía e aos Pujol.

Eu dirixía o grupo de investigación que levou eses casos, a Unidad de Delincuencia Económica y Fiscal (Udef). De novo digo que foron os casos que máis trascenderon mediáticamente, pero nós investigabamos delitos, non nomes nin apelidos. Esa unidade levaba ducias e ducias de operacións.

A de Policía aparece frecuentemente entre as profesións que os nenos queren ser de maiores.

Sempre lles é atractiva aos rapaces porque está relacionada co cine e as series, co papel de heroe…

¿Ve algunha serie policíaca?

Si, vexo algunhas. A TVG acaba de estrear 'A Estiba', que precisamente trata do traballo que fai a Policía.

Cre que son fieis á realidade?

Naturalmente, por cuestión de tempo, só poden mostrar os puntos culminantes do noso traballo, como as detencións, e non todo o traballo que hai detrás, pero diría que en xeral si que son fieis.

Que lles diría a eses mozos que pensan en opositar para policías?

Que se buscan un traballo para ter un salario fixo non elixen ben. A Policía non é unha profesión calquera. Require que che guste o que fas e estar sempre disposto a axudar aos demais.

Mesmo fóra de servizo?

Si. Trátase de ir un pouco atento pola rúa. Hai que axudar sempre, desde mediar nun caso de violencia a dar indicacións sobre onde está unha rúa.

Agora que se retira, que plans ten en mente?

Plans, moitos. Algúns cumpriranse e outros non. De momento estar contento e atender á familia.

"Ser policía non é un oficio calquera, hai que estar sempre...
Comentarios