O Servizo Galego de Saúde e en concreto a unidade de Medicina Preventiva teñen en marcha o protocolo para o control dun brote de tuberculose pulmonar no Saviñao. O primeiro caso detectado corresponde a unha persoa adulta que estivo en contacto no ámbito familiar con nenos pequenos. Iso levou a Unidade de Medicina Preventiva a facerlles as pertinentes probas aos nenos da unidade de infantil do colexio público de Escairón para confirmar ou descartar posibles contagios.
Nos casos de menores que se deron resultados positivos e desenvolveuse a doenza tamén se están ampliando as probas aos adultos da súa contorna para detectar o alcance do brote.
Os nenos que foron sometidos ás probas pertencen ao colexio de Escairón e non á gardería, como publicou por erro este diario na súa edición impresa deste xoves. Os menores que desenvolveron a enfermidade están a ser tratados desde o servizo de Pediatría do hospital comarcal de Monforte.