Sestayo non se presentará ás eleccións de 2019 polo PSOE de Ferrol

A portavoz socialista no Concello asegura que se abre un "período bo" para a formación

Beatriz Sestayo, repite como secretaria general del PSOE de Ferrol. KIKO DELGADO (EFE)
photo_camera Beatriz Sestayo, repite como secretaria general del PSOE de Ferrol. KIKO DELGADO (EFE)

A secretaria xeral do PSdeG-PSOE de Ferrol e portavoz no Concello, Beatriz Sestayo, anunciou este venres que non optará a un posto na lista do seu partido para as eleccións locais do 2019 e dixo que se "abre un período bo" para a formación.

En declaracións a Efe, destacou a intención de buscar "un recambio" e que sexa "a persoa máis idónea" a que encabece a candidatura que ela liderou en 2015. Así, avogou por que nese aspirante "concorran os mellores requisitos para chegar á alcaldía". "Empeza a substitución, é unha decisión moi reflexionada durante moito tempo", considerou a concelleira, que non se presentará como candidata, pero tampouco como edil noutras prazas da lista.

Para a representante socialista, "estaba a desexar anunciala vinculada a unha reivindicación", en alusión á aprobación a pasada semana dos orzamentos municipais pola inclusión das emendas do seu grupo. Deste xeito, valorou que se conseguiu "a boa noticia" de que esas propostas foron aceptadas polo goberno local de Ferrol en Común.

Sestayo, que admitiu a este respecto que tivo "que esperar máis do que esperaba", matizou que o PSOE xa pode "reivindicar que moitos dos nosos compromisos están plasmados nun documento". En todo caso, estimou que os seus integrantes permanecerán "vixiantes para que se cumpran".

A portavoz, a continuación, aclarou que manterá a súa condición de secretaria xeral do partido en Ferrol, que referendou unha asemblea en xaneiro pasado, cuxo resultado foi denunciado pola candidatura liderada polo senador Ángel Mato. "Abro unha substitución, pero sigo sendo a secretaria xeral e militante activa do PSOE", declarou a concelleira, que agradeceu á cúpula do partido a "liberdade que me deron para tomar" esta decisión, "a que quixese".

Igualmente, incidiu en que a executiva local non chegou a "compartir" esta posición, pero "apóianme", observando que ese feito outorga "máis responsabilidade" á súa determinación. Finalmente, subliñou que desexaba "anuncialo co tempo suficiente" para que canto antes se poida producir "esa substitución, sen présas".

Comentarios