Silva non levará as contas provinciais ao Parlamento e Campos aínda non o decidiu

Ambos os presidentes xa deron plantón á comisión parlamentaria o pasado ano en aras da autonomía local, pois entenden que as deputacións só teñen que dar conta dos seus orzamentos aos plenos provinciais

Carnela Silva y Darío Campos
photo_camera Carnela Silva e Darío Campos

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, rexeitará por segundo ano consecutivo comparecer ante a Cámara autonómica para presentar o seu orzamento para 2019, mentres que o seu homólogo en Lugo, Darío Campos, que tampouco compareceu o pasado ano, está a dubidar que facer.

Fontes da institución provincial pontevedresa avanzaron a Efe que a presidenta non comparecerá, mentres que desde o organismo lucense han apuntado que aínda "non teñen a decisión tomada". Ambas as entidades provinciais, gobernadas polo PSdeG, comunicarán proximamente a súa decisión ao presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices.

Segundo o calendario fixado, a comparecencia na comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, está prevista para o vindeiro venres 2 de novembro, mentres que a do seu homólogo na Deputación de Lugo, Darío Campos, para o luns 29 de outubro. Con todo, tal e como esgrimiron o pasado exercicio no que tamén deron plantón á comisión parlamentaria, en aras da autonomía local entenden pois que as deputacións só teñen que dar conta dos seus orzamentos ao pleno da institución provincial.

Ao contrario, os presidentes da Deputación coruñesa, Valentín González Formoso, e da ourensá, Manuel Baltar, si comparecerán en sede parlamentaria o vindeiro venres día 2 de novembro, tal e como fixeran en pasados anos.

Así as cousas, as comparecencias na comisión terceira inícianse este xoves coa intervención do conselleiro de Facenda, Valeriano Mártinez, na quenda da mañá, e a do vicepresidente galego Alfonso Rueda, e o secretario xeral da presidencia pola tarde. En días posteriores comparecerán o resto de conselleiros do Executivo autonómico, aos que seguirán os responsables de organismos como o Consello de Contas, o Consello Consultivo, o Consello Económico e Social, a Amtega e a CRTVG.

Comentarios