Silva censura que o PP sexa "comedido" co alcalde de Vilanova tras os seus "insultos machistas"

"Se fala, ten moito que contar, entón é mellor non cuestionalo", ironizou a presidenta da Deputación

Carmela Silva. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
photo_camera Carmela Silva. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, reiterou as súas críticas contra o PP semanas logo dos "insultos machistas" do alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, quen a chamou "chacha para todo" do alcalde de Vigo, Abel Caballero. Así, a pesar de que os populares condenaron as palabras do rexedor, Silva veos "comedidos" e di ter "claro" por que non lle esixen a súa dimisión: "Non vaia ser que ese señor fale e poña en apertos a moita xente do PP". 

"Se fala, ten moito que contar, entón é mellor non cuestionalo", ironizou, nunha entrevista concedida este domingo á Radio Galega, a presidenta da Deputación de Pontevedra, institución que impuxo unha denuncia contra Durán por supostos delitos de inxurias, calumnias e incitación ao odio. Días máis tarde, o propio demandado presentou outra demanda pola vía penal contra o goberno provincial despois de que lle fosen denegadas axudas provinciais. 

Preguntada sobre este punto, Silva dixo que "non é comparable unha cousa coa outra", aínda que considera que "calquera persoa que considere que os seus dereitos non foron respectados, ten o dereito de presentar denuncia". Ademais, insistiu en que o alcalde, así como calquera persoa que profira descualificacións machistas "debería estar na súa casa". 

A continuación, recordou as palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen, nun pleno do Parlamento galego, dirixiuse á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, para dicirlle que estaba "necesitada". "A presidenta da Deputación saíu a dicir que era impresentable", reivindicou Silva. 

Comentarios