martes. 14.07.2020 |
El tiempo
martes. 14.07.2020
El tiempo

Simplificar o voto por correo, unha opción ante a falta de marxe para a vía telemática

Un carteiro entrega o voto por correo. ARQUIVO
Un carteiro entrega o voto por correo. ARQUIVO
Profesores da USC e da Universidade de Vigo evitan prognósticos sobre as eleccións "máis incertas" e co Covid como "axenda única"

Simplificar o voto por correo para as eleccións do 12 de xullo dado a falta de marxe para analizar vías que funcionan noutros países, como a de emitir o sufraxio por métodos telemáticos. É a proposta que deixan sobre a mesa politólogos de universidades galegas que coinciden en dúas visións: non houbo cita electoral "máis incerta" que o 12X e a axenda "única" será o Covid-19.

Ás portas de que a Xunta presente a súa proposta de protocolo para os comicios, Erika Jaráiz, do Equipo de Investigacións Políticas da Universidade de Santiago de Compostela, reflexionou sobre os mecanismos cos que se podería traballar para garantir as mellores condicións de votación e incidiu en que "noutros países xa se pensou nisto, e até agora non hai moitas saídas".

"A tan curto prazo é difícil incorporar novas formas como o voto electrónico, tanto en canto ás garantías no exercicio do noso dereito ao voto, como no relativo ás adaptacións técnicas e lexislativas que serían necesarias para levalo ao cabo, pero si é posible incentivar o voto por correo creando un mecanismo específico para esta ocasión", comentou.

"Se unha empresa pode garantir que a túa compra chega a casa nun día, por que non se vai a poder votar desde casa, polo menos as persoas maiores e os colectivos de risco?", pregúntase esta experta.

Tamén cara á simplificación do voto por correo apuntou, consultado por Europa Press, o profesor do departamento de SocioloXía e Ciencia Política da Universidade de Vigo Álvaro Xosé López Mira, quen, en todo caso, mostrouse pouco optimista en relación á posibilidade de que a situación que vivirán agora Galicia e Euskadi permita, polo menos, reflexionar nun futuro sobre a implantación doutros sistemas como o voto electrónico.

"Os teóricos levan tempo situando esta medida sobre a mesa e hai países nos que funciona este sistema, pero non é moi dada a clase política española á reflexión. As urxencias políticas cómeno todo", indicou López Mira, quen mesmo ten as súas dúbidas de que finalmente, aínda que sería unha das primeiras opcións a ter en conta, se vaia a simplificar o voto por correo.

MÁIS MESAS E MÁIS PRESENZA EN MEDIOS

En todo caso, Jaráiz considera que para que non se vexan afectadas as garantías democráticas "non basta con garantir os elementos formais dunha elección", senón que deben cumprirse dúas condicións: "o acceso á información directa dos candidatos e o control do risco obxectivo e subxectivo. España limita moito o acceso directo dos cidadáns aos candidatos pola falta de publicidade en medios de comunicación, e iso cobra importancia neste caso", apunta.

"Ademais, os cidadáns deben estar tranquilos e non percibir o feito de ir votar como un risco (independentemente de que obxectivamente non o sexa, por suposto), de non ser así a calidade democrática destes comicios verase mermada", engadiu, convencida de que "dúas medidas que poderían contribuír a iso serían as de dispor de tempo de publicidade electoral nos medios, especialmente nas televisións, e duplicar o número de mesas electorais", aínda co custo que leva.

INCERTEZA E AXENDA ÚNICA

Máis aló das medidas, tanto Jaráiz como López Mira coinciden en todas as incógnitas que rodean a esta convocatoria electoral, a "máis incerta". Unha opinión que comparten con Enrique Varela, tamén profesor da área de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo, quen á marxe da "incertimbre", apunta a que só haberá "unha axenda: o Covid-19".

López Mira coincide nesta visión de "axenda única" e, do mesmo xeito que o seu compañeiro da institución académica viguesa, remarca que "nunca" foi tan difícil facer prognósticos sobre cales van ser os resultados electorais.

Se Jaráiz considera que "a urxencia pola realización das eleccións só explícase pola oportunidade política", xa que "para Feijóo este é o momento adecuado", Varela fai fincapé en que o foco da xestión de todos os servizos que sufriron a crise recae en competencias autonómicas, polo que, se a oposición é capaz de, unida, "construír un discurso de alternativa", pode penalizar ao PP.

López Mira, en cambio, incide na presenza mediática de Feijóo, precisamente no marco de xestión da crise sanitaria, polo que considera que o candidato popular chegará ao período formal preelectoral "coa campaña medio feita". 

Así mesmo, mentres Varela incide en que factores psicolóxicos como o medo ou a incerteza poden influír nun electorado que tradicionalmente favorece ao PP como é o maior de 65 anos, López Mira leva a súa reflexión cara ao ámbito máis rural da Comunidade, onde, favorecido pola dispersión do territorio galego, "o coronavirus viuse pola televisión". 

Nesta conxuntura, os distintos expertos coinciden en que non se pode facer prognósticos sobre os resultados do próximo 12X e as enquisas teñen "aínda menor validez". 

Simplificar o voto por correo, unha opción ante a falta de marxe...
comentarios