Sinaí Giménez, detido en Salamanca ao volante dun coche con 3 quilos de haxix

O autoproclamado rei dos xitanos ía ao volante do Renault Megane que transportaba a droga oculta nunha caleta

Sinaí Giménez y representantes de diversas asociaciones gitanas. ARCHIVO
photo_camera Sinaí Giménez. ARQUIVO

Sinaí Giménez é un dos dous pontevedres detidos en Salamanca por viaxar nun coche que ocultaba 3 quilos de haxix nunha caleta. O autoproclamado rei dos xitanos galegos conducía o Renault Megane interceptado por axentes da Garda Civil de Salamanca.

Os dous pontevedreses foron arrestados na tarde noite do martes como presuntos autores dun delito contra a saúde pública. Os individuos caeron nun control de estradas na localidade de Arapiles logo de chamar a atención dos investigadores ao realizar manobras evasivas.

Nunha primeira inspección do vehículo acharon restos de haxix e cocaína, ata que, levantando o plástico do cadro de mandos, deron cunha caleta na que se ocultaban 3.000 gramos de haxix en forma de landra e un gramo de cocaína. Os arrestados permanecen nos calabozos do cuartel salmantino á espera de ser postos a disposición xudicial.
Haxix incautado nunha caleta a dous pontevedreses. DP

Ante a falta de colaboración dos investigados, a Garda Civil tivo que empregar cans adestrados, que foron os que acharon o habitáculo coa droga.

Os arrestados foron postos a disposición xudicial e Sinaí Giménez, segundo confirmou o seu avogado, Conde Pumpido Jr., quedou en liberdade tras 15 horas detido. O letrado asegura que o seu cliente non ten nada que ver coa droga que ía dentro do coche.