Sorprendido na Estrada cando colocaba lazos ilegais para cazar fauna silvestre

Os axentes forestais atoparon un xabaril morto tras pasar varios días atrapado con este tipo de trampa
Xabaril atrapado nun lazo nun monte na Estrada. APRAFOGA
photo_camera Xabaril atrapado nun lazo nun monte na Estrada. APRAFOGA

Axentes ambientais da Xunta sorprenderon un home na Estrada cando estaba colocando un lazo de aramio para capturar fauna silvestre. Trátase dun elemento de caza masiva, que non resulta selectivo e pode atrapar a calquera animal, e que está prohibido pola normativa sectorial vixente. 

O achado produciuse en montes da parroquia de Codeseda. Os axentes foran alertados tempo atrás da aparición deste tipo de lazos na zona, polo que levaban varios días efectuando tarefas de vixilancia e seguimento. O home, contra o que se instrúe a pertinente denuncia tras ser identificado, foi sorprendido a plena luz do día polos axentes facultativos cando manipulaba a trampa. 

Ademais do que estaba revisando, nas proximidades foi localizado outro lazo no que había un xabaril morto, presumiblemente tras pasar varios días atrapado. Os dous mecanismos foron decomisados polos axentes ambientais.  

INFRACCIÓN MOI GRAVE. A denuncia por estes feitos refírese ao incumprimento da Lei de Caza de Galicia, ao supoñer unha infracción moi grave sobre a que se pode aplicar unha sanción económica de entre 6.001 e 30.000 euros. 

A norma legal prohibe con carácter xeral ter, utilizar ou comercializar procedementos masivos ou non selectivos para a captura ou a morte de exemplares de especies cinexéticas. Teñen esta consideración os métodos que poden causar a captura ou morte indiscriminada de exemplares de diversas especies.