Sorprendido en Meira a bordo dun patinete 'tuneado' cun motor de rozadora

O propietario, que ía pola N-640, reforzara o chasis e instalado un depósito de combustible e un acelerador
O patinete modificado co motor dunha rozadora. GARDA CIVIL
photo_camera O patinete modificado co motor dunha rozadora. GARDA CIVIL

Axentes da Garda Civil identificaron o pasado 30 de agosto cando circulaba pola estrada N-640, á altura do municipio lucense de Meira, a un home que ía a bordo dun patinete modificado, ao que lle instalou o motor dunha rozadora, e deu unha taxa positiva ao ser sometido ao control de alcoholemia.

Os feitos ocorreron sobre as 18.30 horas, cando os axentes lle deron o alto, ao comprobar que circulaba a unha velocidade superior á que normalmente desenvolve este tipo de vehículos, dotados cun motor eléctrico que proporciona unhas prestacións de entre 6 e 25 quilómetros por hora, en función do modelo.

Os gardas comprobaron que o patinete fora modificado e o motor eléctrico substituído por un motor de combustión -dunha rozadora-.

Ademais, o seu propietario reforzáralle o chasis, instalado un depósito de combustible e acelerador. O propietario do artefacto enfróntase agora a dúas posibles sancións que porían sumar uns 1.000 euros de multa e á perda de seis puntos do permiso de conducir. 

Comentarios