O sorteo do Cuponazo da Once deixa un premio de 100.000 euros en Redondela 

"Teño unha alegría, coma se me tocase a min", manifestou o vendedor do cupón premiado

Quiosco da Once de Redondela que vendeu o boleto premiado. GOOGLE MAPS
photo_camera Quiosco da Once de Redondela que vendeu o boleto premiado. GOOGLE MAPS

Un quiosco da Once en Redondela vendeu a un veciño un cupón do sorteo do Cuponazo premiado con 100.000 euros o pasado venres. 

José Carlos Ruibal Fontán foi o axente vendedor da Once que levou a sorte e a ilusión a este cliente, do que descoñece a súa identidade porque comprara un bonocupón por TPV (Terminal Punto de Venda). Desde a Once sinalaron que se trata dun veciño de Redondela. 

"Teño unha alegría, coma se me tocase a min", manifestou Ruibal a Europa Press este luns tras decatarse do suculento premio saído do seu establecemento. Este vendedor da Once ten un quiosco situado no número 1 da rúa Ribeira de Redondela. 

"Eu xa din un premio gordo hai tempo, 50 millóns de pesetas no ano 2001", recordou o vendedor da Once, quen explicou que o agraciado só terá que presentarse co seu cupón no banco para cobrar o premio de 100.000 euros. 

O Cuponazo da Once ofrece todos os venres, por tres euros, un premio ás cinco cifras máis serie de 9 millóns de euros, e seis segundos premios de 100.000 euros a outras tantas extraccións, tamén con serie, segundo trasladou a Once. 

Comentarios