O Supremo cifra en 72 millóns o negocio de contrabando de tabaco de 'Nené' Barral

O alto tribunal detalla nun auto o modus operandi da rede dirixida supostamente polo exrexedor de Ribadumia
Nené Barral y su abogado en 2016. AEP
photo_camera Nené Barral e o seu avogado en 2016. AEP

Un auto do Tribunal Supremo calcula nuns 72 millóns de euros o negocio de contrabando de tabaco dirixido supostamente por José Ramón 'Nené' Barral, exrexedor de Ribadumia, como parte dunha organización criminal con conexións en Estados Unidos, China e outros países a nivel internacional. 

O texto, que resolve unha cuestión de competencia a favor do Xulgado Central de Instrución nº6 da Audiencia Nacional, aborda e detalla diversas cuestións sobre a investigación, inciada pola xuíza Pilar de Lara, desta operación e incluso aborda as ramificacións, conexións e 'modus operandi' da rede para transportar a mercancía. 

A través das dilixencias de investigación practicadas, nas que interviñeron o Servizo de Vixilancia Aduaneira, UDYCO e OLAF, constatouse a existencia "dunha organización criminal perfectamente estruturada" dedicada ao contrabando de tabaco en España por diferentes vías e ao branqueo de capitais. 

Descríbense "numerosas operacións importantes de contrabando de tabaco", utilizando colectores transportados por vía marítima ata os portos de Barcelona, Valencia e Sines

Os membros desta organización estaban dirixidos por 'Darío' (pseudónimo co que se refiren ao xefe da rede, supostamente Barral) e levaba a cabo as súas actividades a través de colectores por distintas vías de introdución (americana, grega, asiática). As dilixencias apuntan tamén a orixe das distintas partidas, os colectores contendo tabaco aprehendidos (Sines, Portugal; Barcelona e Valencia), durante os anos 2011, 2012 e 2013 e as razóns para atribuír a súa importación á organización investigada. 

"Considérase que os feitos están a ser cometidos por unha organización, con membros en distintos lugares de España e diferentes países e que a defraudación cometida repercutiu de forma grave na economía nacional e prexudicou unha xeneralidade de persoas". A tal fin, "enuméranse os distintos colectores aprehendidos, clasificados segundo as vías utilizadas, valorando os paquetes intervidos" e faise referencia "á complexidade da investigación desenvolvida tendo en conta as dilixencias practicadas e os países aos que houbo que enviar comisións rogatorias", a existencia de indicios claros da comisión de delitos de contrabando de tabaco, falsedade e branqueo de capitais, levados a cabo por unha organización criminal. 

"Indícase que a organización é dirixida presuntamente por 'Darío', residente en Galicia, pero contando coa colaboración de membros integrantes da mesma, tanto desde distintos puntos de España (Navarra, Estremadura, Cataluña ou Valencia) como desde o estranxeiro. Ao parecer, estanse utilizando redes e infraestruturas obrantes en distintos países da Unión Europea (como Portugal e Grecia) e extracomunitarios (como Estados Unidos, Emiratos Árabes e China)". Así, descríbense "numerosas operacións importantes de contrabando de tabaco", utilizando colectores transportados por vía marítima ata os portos de Barcelona, Valencia e Sines (Portugal). 

Unhas tiveron lugar "directamente desde os Estados Unidos" (Miami), outra vía Grecia, e en terceiro lugar por Emiratos Árabes -Dubái- e China -Hong Kong-. "Para levar a cabo o contrabando de tabaco, falsificáronse múltiples documentos. O importe total do tabaco importado ilegalmente, supera os 72 millóns de euros", indica o documento. 

Comentarios