Suspendido o xuízo do caso Mahía pola renuncia da defensa de varios acusados 

Os procesados, entre eles o administrador da inmobiliaria, Ramón López Casal, teñen tres días de prazo para nomear novos avogados

Investigados en el Caso Mahía por administración desleal, apropiación indebida y delito societario. XOÁN REY
photo_camera Investigados no Caso Mahía por administración desleal, apropiación indebida e delito societario. XOÁN REY

O xuízo do coñecido como caso Mahía foi suspendido debido á renuncia da defensa de varios dos acusados —entre eles o exadministrador da inmobiliaria, Ramón López Casal—, que teñen un prazo de tres días para nomear novos avogados. O proceso que debía comezar este mércores na Sección Sexta da Audiencia Provincial en Santiago foi posposto logo de que as defensas dalgúns dos procesados presentasen a pasada semana un escrito de renuncia alegando "discrepancias" cos seus clientes. 

Tanto Fiscalía como acusación particular coincidiron en sinalar o seu respecto á medida como forma de garantir o dereito de defensa, aínda que manifestaron a súa preferencia a que se respecten os prazos marcados para a celebración do xuízo. Entre os procesados que terán que buscar novos avogados está o que fora administrador único de Mahía Inmobiliaria, Ramón López Casal, que se enfronta a unha pena de 12 anos de prisión polos delitos continuados de administración desleal, apropiación indebida e delitos societarios. Para o resto dos acusados, Fiscalía nove anos e nove meses de prisión, ademais de indemnizacións que superan os dez millóns de euros.

A sala vai intentar colocar o novo calendario de actuacións o máis axiña posible. Confiamos en que non haxa unha demora

ACUSACIÓN RESPECTA A MEDIDA. En declaracións aos medios á saída do xulgado, o avogado da acusación particular, Ulises Bértolo, expresou o seu respecto á medida decretada polo xuíz dado que "o dereito de defensa é sacro", aínda que emprazou a que esta situación non provoque "unha dilación que poida prexudicar" o dereito dos seus clientes "a ter un xuízo sen dilacións indebidas".  "A sala vai intentar colocar o novo calendario de actuacións o máis axiña posible. Confiamos en que non haxa unha demora por esta renuncia", sinalou o letrado, que recoñeceu que a renuncia das defensas foi recibida con "sorpresa" porque se produciu "a poucos días" do inicio das sesións.

CASO MAHÍA. O caso Mahía leva anos nos xulgados con distintas ramas en diversas zonas de España. Por exemplo, catro anos atrás, o Tribunal Supremo ratificou a condena interposta pola Audiencia de Valladolid contra López Casal e o alcalde de Arroyo de la Encomienda, José Manuel Méndez Freijo, por senllos delitos de suborno, en ambos os casos, e de prevaricación no segundo polo denominado caso Arroyo. 

Para a rama que agora se abordará en Santiago, o escrito da Fiscalía remóntase ao 27 de novembro de 1989, cando se constituíu a sociedade Mahía Inmobiliaria. A partir do ano 1995, o escrito engade que se foi creando un grupo empresarial formado por múltiples sociedades "compartidas" nas que participaban tres socios. Así mesmo, apunta que o que fose dono de Mahía, en eficaz "colaboración" con PE.B.I., M.L.F., MA.R.P., I.R.P. E P.L.F. (os outros cinco acusados), creou un conxunto de sociedades mercantís nas que o socio denunciante (M.G.M.) non tiña participación.

DESVÍO INTENCIONADO. Unha vez en marcha as sociedades particulares antes mencionadas nas que "intencionadamente" non tiña participación M.G.M., os acusados mencionados, a través das mesmas, como apoderados, administradores ou socios, "desviaron o negocio de Mahía" e das empresas compartidas nas que tiña participación o querellante a outras firmas particulares transferindo o negocio inmobiliario con obxecto de prexudicar "economicamente" ás sociedades ligadas a M.G.M. Así mesmo, o escrito recolle que as contas das sociedades compartidas mencionadas por acordo do acusado principal co resto de procesados "non teñen valor contable nin probatorio, non reflectindo a situación real das empresas". 

Talles irregularidades contables, continúa, "impediron e impiden ao querellante coñecer as operacións económicas e a situación real das empresas compartidas", pois os acusados "de propósito subtraeron do coñecemento información contable e mercantil relevante", o que non permite coñecer as operacións que os acusados realizaron "en prexuízo" do socio demandante. 

Por outra banda, concrétase que, entre maio de 2002 e febreiro de 2005 producíronse transmisións ou transferencias de activos desde M. Inmobiiliaria e M.Grupo Inmobiliario a favor das sociedades particulares ou propias dos acusados, coa transmisión de solares e parcelas por un prezo que estaría por baixo do mercado.

Comentarios