Tellado: "En Marea cheira a golpe de Estado contra o seu portavoz"

O secretario xeral do PPdeG afirma que as mareas "quedarán máis divididas" tras o caso Paula Quinteiro

Miguel Tellado. AEP
photo_camera Miguel Tellado. AEP

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, declarou este martes que "En Marea cheira a golpe de Estado contra o seu portavoz", Luís Villares, despois de que este saíse o luns en rolda de prensa a pedir a dimisión da súa deputada Paula Quinteiro por uso "indebido" da súa credencial como deputada ao ser identificada pola Policía.

Ademais, Tellado comentou que a chegada a trámites xudiciais do incidente polo que Quinteiro foi identificada "agrava aínda máis toda a situación que vive En Marea" a nivel interno.

O representante do PPdeG asegurou que, de igual forma que as bases do partido de confluencias someterán a votación a continuidade de Quinteiro no grupo parlamentario, segundo dixo o lunes Villares, os propios deputados autonómicos "deberían votar" a continuidade do seu portavoz no posto.

"Pase o que pase, as mareas quedan máis divididas e co liderado de Villares moito máis cuestionado", sentenciou Tellado, que ve ao portavoz de En Marea "desafiuzado da política" despois de que incluso no PP sexa máis respectado que polos "seus propios compañeiros de partido".

Así pois, agregou que a historia do grupo de En Marea é a "crónica dun grupo mixto anunciado" e sinalou que as hostilidades no seo deste partido "xa non se poden disimular", posto que onte mesmo Villares saía a pedir a dimisión de Quinteiro pouco despois de que o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, lle restara importancia ao seu incidente.

"Noriega e outros cargos de En Marea están a patrocinar un motín interno contra Luís Vilares", concluíu o secretario xeral dos populares galegos. 

Comentarios