O temporal deixa choivas copiosas e ventos de 120 quilómetros por hora

Un tren de borrascas azoutará a Galicia durante polo menos unha semana

Toda a costa galega permanece este xoves en alerta por ondada e intensas choivas, así como por fortes ventos que alcanzaron os 133 quilómetros por hora en Penedo do Galo, en Viveiro, e que rozaron os 111 km/hora en Cedeira, segundo os datos de Meteogalicia. 

En canto as precipitacións acumuladas, en Poio caeron 44.9 litros por metro cadrado, e en Ortigueira, 41.5 litros por metro cadrado. 

A altura de onda máis significativa rexistrouse ata o momento na provincia da Coruña, na boia de Estaca de Bares, con 6,56 metros.

UNHA SEMANA SEN TREGUA. Un tren de borrascas atlánticas azoutará Galicia nos próximos días. Unha das máis profundas é a que este xoves trae un temporal de choiva e vento que obriga a activar varias alertas laranxas. Todo o litoral galego permanecerá baixo este nivel de aviso polo menos ata o venres por ondas que poderían chegar aos sete metros de altura.

No interior, varias zonas de Lugo, A Coruña e Pontevedra estarán en alerta por acumulacións de choiva de máis de 40 litros por metro cadrado. As precipitacións serán especialmente persistentes no interior pontevedrés, onde a Aemet incluso eleva o aviso a nivel laranxa, fronte ao nivel amarelo que establece Meteogalicia. E é que segundo a axencia estatal poderían chegar a acumularse máis de 80 mm en 12 horas, desde o xoves ao mediodía.

A situación non presentará grandes cambios nos próximos días. O venres será unha xornada de transición e o sábado chegará outra fronte a Galicia. Ceos cubertos e choivas xeneralizadas serán a tónica dominante. As temperaturas serán suaves para a época do ano e haberá pouca oscilación térmica entre o día e a noite.

De face á próxima semana prevese que siga o tren de borrascas, sen que haxa grandes cambios á vista no ceo galego.

Comentarios