Traballadores do PAC votarán este mércores a última proposta do Sergas

Desde o comité advirten do "enquistamento das negociacións" en diferentes puntos

Una manifestación de PACs en Pé de guerra. AEP
photo_camera Unha manifestación de PACs en Pé de guerra. AEP

O comité de folga dos traballadores dos puntos de atención continuada (PAC) de Galicia informou este martes de que este mércores 8 de maio celebrarase de 9 a 12 horas a votación da última proposta sobre condicións laborais formulada desde o Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Nesta votación, indica o comunicado remitido á prensa, os traballadores deberán decidir se aceptan o último borrador trasladado desde o Goberno galego ou se manteñen a folga indefinida iniciada o pasado mes de xaneiro e que responde a un conflito que se prolonga xa durante 17 meses.

Desde o comité advirten tamén do "enquistamento das negociacións" no referente ao momento de cómputo da xornada laboral e explican que esta votación terá lugar conforme ao acordo das asembleas previas realizadas en cada área sanitaria e que deron pé a unha asemblea xeral en Santiago de Compostela o pasado venres, na que se informou aos traballadores da oferta e dos posibles escenarios posteriores.

As condicións para esta consulta serán as mesmas que as da celebrada o 18 de febreiro e na que se decidiu rexeitar a proposta formulada naquel entón pola Administración.

O comité de folga dos traballadores do PAC transmitirá este mércores ao propio Sergas o resultado da votación.

Comentarios