Tráfico inicia unha campaña de vixilancia do cinto e as cadeiras infantís

Os axentes intensificarán os controis desde o vindeiro luns
Un agente de la Guardia Civil, durante un control de tráfico. J.L. OUBIÑA (ADP)
photo_camera Un axente da Garda Civil, durante un control de tráfico. J.L. OUBIÑA (ADP)

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) intensificará desde o vindeiro luns e durante unha semana o control do uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil, dúas medidas cuxa inobservancia motivou o ano pasado máis de 20.000 denuncias en Galicia.

A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, presentou esta campaña acompañada pola coordinadora da DXT en Galicia, Vitoria Gómez, e o responsable do Subsector de Tráfico da Garda Civil, o tenente coronel Francisco Javier Molano.

Desde o próximo 9 de marzo ata o domingo día 15, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis para comprobar que tanto o condutor como os ocupantes dos vehículos fan uso do cinto de seguridade.

O uso adecuado do cinto podería evitar unha cuarta parte dos mortos en accidentes de tráfico, resaltou a subdelegada.

Así mesmo, os axentes constatarán que os menores viaxan cos correspondentes sistemas de retención infantil adecuados á súa estatura, peso e idade.

Tráfico invita os concellos a sumarse a esta campaña, dada a relevancia de que os condutores adquiran o hábito de usar os cintos na contorna urbana.

Segundo o balance de sinistralidade de 2019, o 21% dos falecidos en turismos e furgonetas nas estradas galegas non estaba a facer un uso adecuado destes dispositivos de seguridade no momento do accidente.

A non utilización destes dispositivos estivo detrás de máis de 9.359 sancións do total que impuxo a Agrupación de Trafico da Garda Civil en Galicia o ano pasado.

A elas engadíronse case 11.000 impostas polas diferentes policías locais da comunidade.

Esta iniciativa enmárcase dentro da programación de campañas especiais de vixilancia previstas pola DXT para este ano, co ánimo de mellorar a seguridade viaria e concienciar aos usuarios das vías sobre a importancia de manter comportamentos máis seguros.

Entre outras medidas, a DXT puxo en funcionamento cámaras que controlan de modo automatizado o uso do cinto de seguridade por parte dos condutores.

En total, hai 225 cámaras colocadas en pórticos ou postes, das cales o 60% están situadas en vías convencionais, que son as que rexistran maior sinistralidade, e o 40% restante en vías de alta ocupación.

Comentarios