Tráfico non multará aos tractores aos que non lles dea tempo de pasar a ITV

A medida responde á imposibilidade por parte da Xunta de chegar a algunhas zonas rurais antes de febreiro
Estación de ITV para vehículos agrícolas. EFE
photo_camera Estación de ITV para vehículos agrícolas. EFE

Os propietarios de vehículos agrícolas que non puideron pasar o control ITV non recibirán sancións, a pesar de que a prórroga para pasar a inspección técnica finalizou esta mesma semana, xa que hai puntos nos que as inspeccións móbiles non chegan ata febreiro.

A Delegación do Goberno en Galicia informa esta mañá de que esta medida foi adoptada "ante a imposibilidade por parte da Xunta de realizar as inspeccións técnicas de vehículos nalgúns concellos do rural galego".

A directriz establece que "non procede formular denuncia aos vehículos agrícolas que circulen a partir do 10 de novembro de 2020 coa inspección técnica caducada se queda acreditado que non puideron pasar a inspección con anterioridade a esta data, de acordo co calendario de ITV móbiles".

O delegado do Goberno, Javier Losada, dá conta dunha carta que remitiu a principios deste mes ao vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, para instarlle a tomar medidas neste ámbito, pois "a execución e funcionamento das Inspeccións Técnicas de Vehículos é unha competencia exclusiva da Comunidade Autónoma". 

Comentarios