O tramo Vigo-Pontevedra xa supón o 40% dos cobros da peaxe en toda a AP-9

A galega é a cuarta vía de pago que máis ingresa en España e Audasa, a sexta operadora con máis beneficios

Puente de Rande. RAFA FARIÑA
photo_camera Ponte de Rande. RAFA FARIÑA

As peaxes da autoestrada galega realizan unha media diaria de 104.827 cobros e, deles, case 42.000 fanse entre Pontevedra e Vigo. O tramo máis polémico da vía de peaxe que vertebra Galicia de norte a sur é, con diferenza, o máis rendible para a concesionaria. Pendente aínda a demanda da fiscalía que reclama a devolución das peaxes cobradas aos usuarios afectados polos tres anos de obras na ponte de Rande, Audasa confía en resolver o litixio xudicial con éxito. Á iniciativa da acusación pública adheríronse centos de clientes da autoestrada a través da a asociación con sede en Vigo trata de reunir a todos os usuarios nunha demanda única. En xogo están millóns de euros para Audasa no caso de que a Xustiza obrigue a devolver o cobrado durante os traballos de ampliación do emblemático paso elevado sobre a ría viguesa.

Os usuarios domésticos non son, ademais, os únicos que se organizaron. Tamén os transportistas da provincia se uniron recentemente para abordar un único preito coa concesionaria da AP-9. E fixérono abertos á participación doutras empresas, galegas ou non.
Canto cobra Audasa

O pasado ano, Audasa ingresou 144 millóns de euros, case 3,2 máis que o exercicio de 2017, cando o despacho de billetes da autoestrada deixou en caixa 140,8 millóns. Trátase, segundo recoñeceu o novo director xeral da compañía, César Canal, na reunión anual do Foro Económico de Galicia, do cuarto mellor dato de ingresos dunha concesionaria de peaxe española. Nestes momentos, a vía de pago que máis ingresa é a que une Zaragoza co Mediterráneo, xestionada por Acesa, cunha conta anual de 493 millóns de euros. Séguenlle, por esta orde e a certa distancia, a firma Aumar, concesionaria da autoestrada entre Sevilla e Cádiz; e Avasa, que xestiona a ruta de peaxe entre Bilbao e Zaragoza

BENEFICIOS. En canto aos beneficios, Audasa ocupa a sexta posición entre todas as concesionarias dos tramos nos que se dividen os 16.000 quilómetros de autoestradas de pago en España. A xestora da AP-9 gañou 40 millóns en 2018, catro menos que o exercicio anterior, pero fundamentalmente pola amortización dos seus investimentos en Rande ou nas circunvalacións de Vigo e Santiago.

 Hai seis concesionarias que gañan máis: Acesa (Zaragoza- Mediterráneo), Aumar (Sevilla Cádiz), Invicat (Barcelona- Montemeló), Autema (Sant Cugat-Manresa), e Ausol (Málaga Estepona). Destas cinco empresas, Acesa presenta uns beneficios de 298 millóns, e Aumar rolda os 100. O resto están a pouca distancia dos resultados netos que manexa agora mesmo a concesionaria da autoestrada galega.

Comentarios