Tui media para facilitar os trámites aos afectados pola explosión

A Xunta, informa o Concello de Tui, acometerá de inmediato a súa reparación para que os alumnos poidan regresar ao seu centro canto antes

Carlos Vázquez Padín, alcalde de Tui. SALVADOR SAS (EFE)
photo_camera Carlos Vázquez Padín, alcalde de Tui. SALVADOR SAS (EFE)

O Concello de Tui está a realizar xestións ante distintas entidades, públicas e privadas, para facilitar aos afectados pola explosión dun almacén clandestino de material pirotécnico en Pairamos hai unha semana a realización de diversos trámites.

A Corporación tudense indica nun comunicado que está a mediar entre os afectados e a compañía eléctrica, as empresas de telefonía, o consorcio de augas do Louro, Correos, centros de xestión tributaria, Seguridade Social, Garda Civil e Policía Nacional. Todo iso para trámites como dar de baixa os servizos da auga, saneamento ou electricidade, para a expedición do carné de conducir ou o cambio da dirección na que se recibe a correspondencia.

O Concello de Tui informa así mesmo de que o alcalde, Carlos Vázquez Padín, reuniuse este mércores pola mañá con responsables de Abanca cos que acordou que a conta solidaria aberta pola entidade terá como titular á plataforma de afectados unha vez o colectivo estea constituído formalmente.

Namentres, a concelleira de Educación, Mila González, visitou xunto co xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, as escolas de Souto e de Paramos do colexio rural agrupado Mestra Clara Torres que se viron afectadas pola explosión.

A Xunta, informa o Concello de Tui, acometerá de inmediato a súa reparación para que os alumnos poidan regresar ao seu centro canto antes. A continuación, achegáronse ata a aula de Baldráns, onde estes alumnos foron trasladados, para interesarse polo seu estado.

Comentarios