As Uci galegas suman outros catro pacientes con covid malia o descenso dos contaxios

O volume de novos casos descende a niveis previos ao Nadal

 

 

Sanitarias nunha Uci. ARQUIVO
photo_camera Sanitarias nunha Uci galega. ARQUIVO

Galicia mantense este fin de semana en niveis de contaxios detectados similares aos que tiña antes da explosión da terceira onda, aínda que este descenso no impacto da pandemia aínda non se deixa notar nas Uci dos hospitais, con catro pacientes máis que na xornada anterior. 

Os datos actualizados este domingo pola Consellería de Sanidade, con información recollida ata as 18.00 horas do sábado, revelan que se detectaron 419 positivos en covid-19 (por calquera tipo de proba diagnóstica) en 24 horas. O número de casos activos volveu experimentar un descenso superior ao milleiro, que deixa a cifra global en 13.745. Son 6.000 menos que hai unha semana. 

Dos contaxios descubertos, 387 foron por positivo en proba PCR, un 4,7% dos 8.095 test practicados, 108 menos que na xornada anterior. Así, Galicia baixa de novo do limiar do 5% de taxa de positividade en PCR, establecido pola OMS como orientación para dar por controlada a pandemia. 

No entanto, o descenso nos contaxios aínda non se deixa notar nas unidades de críticos dos hospitais galegos, que continúan en máximos da pandemia. De feito, tras rexistrarse unha baixada de 10 pacientes nas cifras do sábado, 24 horas despois volve experimentarse unha subida ata 222, catro máis que o sábado. 

Nas unidades de hospitalización convencionais si se produce un descenso, aínda que só con catro ingresados menos que o día anterior, o que deixa o global en 997. É a primeira vez que se baixa do milleiro nas últimas semanas. 

Os casos activos continúan diminuíndo a un ritmo dun milleiro cada día 

Por áreas sanitarias, a da Coruña segue sendo a máis afectada. De feito, é a única, xunto con Santiago, que empeora as súas cifras de hospitalizados respecto ao sábado. Sanidade informa de 276 (+6) pacientes ingresados na área coruñesa, 76 deles na Uci (+3). 

En Vigo o total de hospitalizados baixa este domingo a 140 (-1), dos cales 25 necesitan coidados intensivos (sen cambios). Mentres, a área de Santiago atende a 137 pacientes covid nos seus centros (+1), 35 en Uci (-1). 

En Ferrol baixa o cómputo total a 134 (-2), 26 en críticos (+2), mentres que en Ourense hai 121 pacientes covid ingresados (-4), dos cales 13 están en críticos (sen cambios). En Pontevedra tamén diminúe ata os 101 (-3), 21 na Uci (+1), así como na área de Lugo, que notifica 88 ingresados (-1), 22 deles en coidados intensivos (-2).

A taxa de probas PCR que dan positivo volve baixar do 5%

CONTAXIOS. Ningunha das sete áreas sanitarias galegas pasou este domingo o limiar da centena de novos casos, ao que se achegou A Coruña con 98. O resto mantiveron a tendencia á baixa dos últimos días: Vigo (86), Pontevedra (61), Lugo (49), Santiago (48), Ferrol (50) e Ourense (31). 

No que respecta ao volume de casos activos, baixan en todas as zonas sanitarias. A da Coruña ten 4.146 (-259) e Vigo, 2.140 (-206). Tras elas está Santiago con 1.812 (-145), seguida por Pontevedra, con 1.787 (-135). 

Ourense e Ferrol notificaron este domingo o mesmo número de casos activos, 1.312, aínda que presentan diferentes oscilacións cun descenso de 123 na área ourensá e de 88 na ferrolá. Para rematar, Lugo mantense como a menos afectada con 1.236 (-146).

INFECTADOS, CURADOS E FALECIDOS. Desde o principio da pandemia contaxiáronse en Galicia 108.241 persoas, das que 92.246 superaron o virus, 1.355 delas nas últimas 24 horas. 

Con todo, a cifra de falecidos sitúase xa nos 2.086, ao sumarse as seis mortes notificadas polas autoridades sanitarias na tarde do sábado.

Comentarios