miércoles. 05.08.2020 |
El tiempo
miércoles. 05.08.2020
El tiempo

Os universitarios galegos con dificultades sobrevidas xa poden pedir as bolsas

Estudantes nunha biblioteca da Universidade de Santiago. ARQUIVO
Estudantes nunha biblioteca da Universidade de Santiago. ARQUIVO
A Xunta reserva 100.000 euros ás axudas, cun prazo de solicitude que se abre este martes

Os estudantes do Sistema Universitario de Galicia (SUG) con dificultades económicas por causas sobrevindas e imprevistas ocorridas ao longo deste curso académico poderán pedir a partir deste martes axudas, ás que a Xunta prevé destinar un total de 100.000 euros. A partida poderase incrementar para cubrir as solicitudes.

Atendendo á información divulgada pola Consellería de Educación e a orde publicada no Diario Oficial de Galicia, o importe das axudas dependerá da renda familiar e oscilarán entre os 1.500 e os 2.750 euros. Desde o curso 2011-2012 a Administración autonómica concedeu 252 destas bolsas por importe de 737.000 euros. 

En concreto, pode pedir estes apoios o alumnado universitario cunha situación de urxencia derivada dunha causa sobrevida e imprevista ocorrida entre o 1 de xullo de 2019 e o 30 de xullo de 2020 e que estea matriculado este curso, como mínimo en 50 créditos, en estudos de grao en calquera das universidades do SUG. 

O importe das axudas oscila entre os 1.500 e os 2.750 euros

No caso dos estudantes aos que lles falte un número inferior de créditos para terminar os seus estudos, deberá estar matriculado como mínimo de 30. Ademais, non poderá ter recibido esta axuda con anterioridade e a renda per cápita da unidade familiar non será superior ao importe anual da pensión non contributiva individual que estableza a lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2020 multiplicada por 1,50. 

Na convocatoria enténdese como causas imprevistas a orfandade absoluta; situación de desemprego; falecemento dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar; falta de pago acreditada por denuncia ou sentenza de pensións alimenticias nos casos de separación ou divorcio; enfermidade grave; recoñecemento de incapacidade permanente absoluta para todo traballo dalgún dos sustentadores; vítimas de violencia de xénero; vítimas de actos terroristas e outras circunstancias non recollidas que, sendo debidamente acreditadas, repercutan na situación socioeconómica familiar.

PRAZOS. Se a causa sobrevida imprevista ocorreu con anterioridade á publicación da convocatoria das axudas, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia (DOG). É dicir, desde este martes. 

Se sucede con posterioridade, o prazo de solicitude é dun mes desde que ocorreu a causa sobrevida, e a data límite para a presentación das solicitudes é o 31 de xullo de 2020

Os universitarios galegos con dificultades sobrevidas xa poden...
comentarios