A Valedora alega "responsabilidade" na súa dimisión condicionada e pide respecto

Defende que se renove tamén o adxunto, Pablo Cameselle, porque xuntos forman un "equipo"

Milagros Otero. LAVANDEIRA JR. (EFE)
photo_camera Milagros Otero, Valedora do Pobo. AEP

A Valedora do Pobo, Milagros Otero, defendeu que a súa renuncia, condicionada a que os grupos parlamentarios teñan substituto do seu cargo e do seu adxunto, adoptouna por "responsabilidade" coa institución comisionada, e defendeu que tamén se renove o nome do adxunto, Pablo Cameselle, porque xuntos forman un "equipo". Otero puxo o seu cargo a disposición da Cámara logo de coñecerse que o Supremo non admitira o seu recurso e que ratificaba a sentenza do Tribunal Superior de Galicia na que se declaraba nulo o nomeamento dentro da institución de María Puy Fraga, irmá do portavoz parlamentario do PPdeG e sobriña do expresidente Manuel Fraga, ao apreciar "desvío de poder".

Fíxoo logo de recibir numerosas peticións de dimisión a través dunha carta enviada ao Parlamento de Galicia, que é o órgano que a nomeou, a proposta do PP, e ten o poder de revogala cunha maioría reforzada dos deputados. Pero vinculou sou renuncia a que os grupos parlamentarios se poñan de acordo previamente sobre o seu substituto á fronte da institución e na Vicevaledoría, que actualmente ocupa Pablo Cameselle (nome impulsado polo PSOE), para o que é necesaria unha maioría reforzada de 45 deputados (polo menos os escanos do PPdeG e doutro grupo parlamentario). 

Así, este venres en declaracións aos medios, Milagros Otero pediu respecto e defendeu esta forma de actuar, distinto xeito da forma na que en 2012 deixou o cargo o seu antecesor Benigno López, quen tamén se viu obrigado a dimitir logo dunhas polémicas declaracións nas que suxeriu a suspensión da Lei de dependencia. 

Preguntada por que motivo elixiu condicionar a súa renuncia, incidiu en que o fixo por "responsabilidade" e rexeitou entrar en "polémicas": "Nada está escrito sobre dimisións". Non quixo entrar en se os grupos parlamentarios terán dificultades para pactar a renovación da defensoría galega e gardouse a súa opinión sobre o fallo xudicial condenatorio: "Non me meto nas decisións dos tribunais; comparto algunha e outras non". 

Comentarios