Un veciño de Viveiro morre atropelado na A-6 en Begonte

O home, de 50 anos, camiñaba sen chaleco reflector 
Estado no que quedou o turismo tras o atropelo. SUBSECTOR DE TRÁFICO DE LUGO
photo_camera Estado no que quedou o turismo tras o atropelo. SUBSECTOR DE TRÁFICO DE LUGO

Un veciño de Viveiro, José Manuel Ferro Gómez, de 50 anos de idade, faleceu este mércores atropelado na A-6, á altura do municipio de Begonte, nas inmediacións xa da saída de Rábade.

O home, que camiñaba sen chaleco nin ningunha outra peza reflectora, como brazalete ou similares, segundo confirmaron fontes oficiais, foi alcanzado por un turismo cando camiñaba sentido A Coruña, xusto de fronte aos vehículos, que circulaban sentido Madrid. O atropelo produciuse no carril esquerdo, segundo o sentido correcto da marcha, preto da mediana, o que fixo que o turismo non puidese evitar a colisión, que se produciu coa parte dianteira do mesmo, como quedou patente tras o impacto, cos cristais estalados.

A hora en que se produciu, pouco antes das oito menos dez e a escasa visibilidade da zona axudaron ao fatal desenlace.

A Garda Civil de Tráfico acudiu á zona e fíxose cargo das investigacións.

O falecido residía, ao parecer, na localidade de Celeiro, aínda que facía tempo que non se lle vía pola zona.

SAíDA DE VÍA. Doutra banda, ás dúas e media da tarde deste mércores no termo municipal do Vicedo produciuse a saída de vía dun turismo, á altura do quilómetro 73 da estrada LU-862.

A condutora perdeu o control do coche e saíuse da vía, chocando contra o muro de peche dunha vivenda, resultando ferida leve.