Tres vehículos implicados e cinco persoas feridas nun accidente en Redondela

Debido ao impacto causado, unha mancha  de combustible procedente dos vehículos sinistrados quedou espallada pola estrada

Unha colisión entre tres vehículos deixou esta tarde cinco persoas feridas en Redondela.

Todo aconteceu sobre as 16.00 horas. Un particular informaba ao 112 Galicia do choque entre dous turismos na N-550, en Quintela, concretamente, na curva pasando o tanatorio. Segundo o seu relato, un dos vehículos ao colidir co outro, derrapou levándose por diante un terceiro vehículo.

Ata o lugar desprazáronse, nada mais ser alertados polo 112 Galicia, os profesionais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os axentes de Tráfico, da Policía Local e os efectivos de Protección Civil da localidade.

Debido ao impacto causado, unha mancha de combustible procedente dos vehículos sinistrados, quedou espallada pola estrada, polo que, os xestores do 112 Galicia requiriron a intervención do persoal do servizo de mantemento, que se ocupou da limpeza da vía.