A viaxe en tren de Galicia a Madrid reducirase máis de media hora desde o martes

Os prezos veranse incrementados nunha media do 5% sobre a tarifa xeral
Un tren Alvia.AEP
photo_camera Un tren Alvia.AEP

Renfe estreará o vindeiro martes 27 de outubro un novo servizo entre Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Santiago e Madrid, ao mesmo tempo que mellorará o tempo de viaxe dos seus trens Alvia cara á capital española, grazas á posta en servizo do tramo de Alta Velocidade entre Zamora e Pedralba. Este novo tramo reducirá o tempo de viaxe entre Madrid e Lugo nunha hora e dous minutos, con Pontevedra nunha hora e 26 minutos, con Santiago en 41 minutos, con Ourense en 39 minutos, con Vigo en 31 minutos e coa Coruña en 24 minutos.  

Segundo asegura o operador público ferroviario, desde o ano 2016 non se acurtaban os tempos nesta relación, cando, froito da estrea do tramo Olmedo-Zamora, reducíronse de media entre 25 e 30 minutos, dependendo do traxecto. No entanto, os prezos veranse incrementados nunha media do 5% sobre a tarifa xeral, co fin de adaptalos ás novas condicións da infraestrutura pola que operan os trens, aínda que Renfe avanza que seguirá ofrecendo prazas promocionais con descontos que van do 30% ao 70%. 

Ademais da redución de tempos de viaxe, Renfe tamén incrementou os servizos ata oito, catro por sentido, coa creación dunha nova conexión entre Madrid-Santiago-Pontevedra e viceversa, que supón que Vilagarcía de Arousa conte desde este momento cun tren Alvia directo con orixe ou destino en Madrid. 

Para aproveitar as sinerxías dos tempos de viaxe e os servizos directos, a compañía creou enlaces ás diferentes orixes e destinos mediante trens de Media Distancia ou Avant que enlazan cos trens Alvia en Ourense e Santiago. Así, a partir do día 27, A Coruña e Lugo contarán cun enlace e amplíase a oferta con seis novos servizos nas liñas Santiago-A Coruña, Santiago-Vigo e Ourense-Lugo e a de Vigo-A Coruña amplía os días de circulación aos sábados e domingos. 

Para rematar, debido ás obras da nova estación de Sanabria AV, que substituirá á actual estación de Poboa de Sanabria, Renfe establecerá, ata a finalización dos traballos, un plan alternativo por estrada desde e ata a estación da Gudiña para os viaxeiros de Poboa de Sanabria.

Comentarios