Vigo foi a cidade galega que máis pagou ao seu alcalde en 2018

Caballero percibiu o maior soldo da Galicia urbana, seguido de Lores â?? Polo menos once rexedores da comunidade non cobraron polo cargo
Abel Caballero. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Abel Caballero. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, percibiu en 2018 a mellor nómina das ingresadas polos rexedores das cidades galegas, cun total de 75.382 euros no exercicio. O socialista encabezou un ránking no que só outro mandatario urbano superou o limiar dos 70.000 euros: o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, con 71.466. A terceira posición correspondeu á rexedora de Lugo, Lara Méndez, cunha retribución anual de 66.840.

Son datos correspondentes a 2018 do sistema de Información Salarial Postos da Administración (ISPA) difundidos este mércores polo Ministerio de Política Territorial. As cifras son previas ás eleccións de maio deste ano, tras as que se conformaron novas corporacións e houbo cambios nas alcaldías, coas consecuentes modificacións na repartición de dedicacións, salarios e outro tipo de retribucións. 

Ademais, 42 municipios galegos non facilitaron información, unha lista na que figuran concellos de todas as provincias —entre eles Verín, Ponteareas, Sarria ou Santa Comba— e está o de Ourense. En todo caso, o salario do popular Jesús Vázquez, rexedor ata o pasado maio, superaba os 60.000 euros

Por baixo estaban tres dos alcaldes urbanos que non seguiron no cargo tras as eleccións. O exrexedor de Santiago Martiño Noriega cobrou 51.892 euros, Xulio Ferreiro (A Coruña) ingresou 39.999 e a información relativa a Jorge Suárez (Ferrol) di que no seu caso foron 21.140 euros, aínda que esa cifra non se axusta ao salario aprobado no seu día polo pleno, porque tiña asignada unha retribución que roldaba os 40.000 euros

Máis de 40 concellos galegos figuran na listaxe dos que non pasaron información no pasado exercicio, entre eles o Ourense 

11 NON COBRARON COMO ALCALDES. Aínda que non significa que non teñan retribucións por outros postos —por exemplo o alcalde das Pontes, o socialista Valentín González Formoso, si declara retribución como presidente da Deputación da Coruña—, un total de 11 rexedores galegos aseguran non percibir un euro por ese cargo. 

En concreto, ademais de González Formoso, comunicaron non recibir retribucións o ano pasado os alcaldes de Toques (A Coruña); Guitiriz, Guntín, O Páramo e Xermade, na provincia de Lugo; os ourensáns de Beariz, Larouco, Maside e A Mezquita; e o de Valga (Pontevedra). 

Ademais, aínda que si cobraron outras percepcións —dietas por asistencia a plenos, por exemplo—, máis de 60 alcaldes galegos declararon non ter dedicación ao cargo: 14 na Coruña, 13 en Lugo, 28 en Ourense e sete en Pontevedra. 

Aínda que algúns alcaldes sinalaron que non teñen soldo, si cobraron cantidades significativas por outros conceptos que non se detallan. O rexedor de Ares, por exemplo, declara cobrar 20.213 euros por outras retribucións ou o de Carballedo (Lugo), 20.500 euros.

¿E nas deputacións?
Os datos das deputacións galegas apuntan a que o salario máis elevado en 2018 correspondeu á titular de Deputación de Pontevedra, a socialista Carmela Silva (74.013 euros), seguida do seu homólogo en Ourense, o popular Manuel Baltar (72.325). 

González Formoso, mentres, cobrou 65.831 euros, e o da Deputación de Lugo, que en 2018 era o socialista Darío Campos —substituíuno o tamén socialista José Tomé tras os comicios de maio—, percibiu unha cifra case idéntica, 65.832 euros.

 

No conxunto de España, o ránking di que os alcaldes de Madrid, Barcelona, Bilbao e Valencia son os que máis cobran, con retribucións de 103.667, 99.999, 92.911 e 85.602 euros, respectivamente. 

No outro extremo de soldos atópanse Colunga (Asturias), Marchamalo (Guadalaxara) e San Martín y Mudrián (Segovia), que aseguran ter dedicación exclusiva tamén pero cobran, cada un, 6.059, 4.623 e 929 euros anuais. 

No conxunto do Estado 2.620 alcaldes aseguran non percibir ningunha retribución polo seu traballo.

Os soldos dos concelleiros seguen unha orde parecida ao dos seus alcaldes. Así é que nos primeiros postos figuran os edís madrileños e barceloneses, por enriba a maioría dos 80.000 euros. Hainos con menos ingresos por ter menor dedicación.

Comentarios