Abel Caballero retira a exención do Ibi ao hospital Álvaro Cunqueiro

O Concello cuantificou en 900.000 euros a factura que lle corresponderá abonar

Abel Caballero. MARISCAL (EFE)
photo_camera Abel Caballero. MARISCAL (EFE)

A xunta de goberno do Concello de Vigo acordou este venres retirar a exención do imposto sobre bens inmobles (Ibi) ao hospital Álvaro Cunqueiro por ser "de propiedade privada", segundo esgrimiu o alcalde, Abel Caballero. Caballero apuntou en rolda de prensa que o Álvaro Cunqueiro "ten que pagar o IBI na súa totalidade, porque é un hospital de propiedade privada", e cuantificou en 900.000 euros a factura que lle corresponderá abonar.

Esta medida non se estenderá aos centros de atención primaria do Sergas na cidade, que manterán as exencións. Por contra, o goberno local de Vigo resolveu rebaixar o Ibi a cooperativas, colexios, parados, familias numerosas, vehículos de discapacitados e eléctricos, por un importe global de 7,3 millóns de euros.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, lamentou que mentres "en todos" os municipios de Galicia, "tanto os pequenos como os grandes", están a chegar a acordos para a exención do Ibi, por "sensibilidade" e comprensión de que se trata dun servizo "fundamental", en Vigo sucede o contrario.

Almuíña encadrou esta decisión na liña do Concello de Vigo de pór "obstáculos ao labor dos servizos públicos, en especial o sanitario", que é "o máis sensible" e o que "todos os cidadáns valoran con nota alta".

O conselleiro indicou que o complexo hospitalario de Vigo é "modélico a nivel nacional" e que o Sergas traballa na "mellora permanente" dos seus servizos, como a recente adxudicación dun TAC intraoperatorio, o primeiro en Galicia. "Desgraciadamente, desde o Concello de Vigo non tivemos ningunha facilidade no desenvolvemento desta infraestrutura sanitaria, todo o contrario", pechou.

Comentarios