A VII marcha 'Camiño ao respecto' chega ao Obradoiro

Dous mozos leron un manifesto para culminar a ruta, no que pediron "igualdade real" entre homes e mulleres

A VII marcha Camiño ao Respecto, organizada pola Xunta como broche final da súa campaña NON á violencia de xénero, finalizou en torno ao mediodía deste domingo na Praza do Obradoiro. Desde este histórico espazo da capital galega, dous mozos leron un manifesto para pedir "un cambio social que faga posible a igualdade real" entre mulleres e homes.

Na camiñada, decenas de persoas percorreron a pé a distancia que separa o Monte do Gozo da Praza do Obradoiro, con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero que se celebra este luns, 25 de novembro. 

Entre estas persoas, atopábanse a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; ademais das conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez; de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar e do Mar, Rosa Quintana.

Tamén participaron neste evento, que pon o broche final á campaña autonómica NON á violencia de xénero, diversos colectivos como a Fundación Amigos de Galicia, que atende a mulleres e menores en situación de vulnerabilidade.

Á chegada ao Obradoiro, dous mozos procederon á lectura dun manifesto que valorou o plan de actuación aprobado polo Goberno galego para pór en práctica as medidas incluídas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Un plan que, segundo o manifesto, "constitúe unha aposta firme e decidida de todos os departamentos da Xunta na loita contra a violencia machista desde unha mirada transversal". 

O Pacto de Estado, baixo o que se enmarcan iniciativas como esta marcha, "apela á necesidade de unir esforzos por e para incrementar a eficacia dos compromisos cara un cambio social que faga posible a igualdade real", segundo o propio texto lido no Obradoiro. 

Comentarios