Dous voos cancelados en Galicia na primeira xornada de folga de Ryanair

A protesta dos tripulantes de cabina obriga a suspender dúas conexións Santiago-Madrid
Avións da compañía Ryanair. EFE
photo_camera Avións dá compañía Ryanair. EFE

Dous voos que tiñan con orixe ou destino Galicia foron cancelados este domingo na primeira das dez xornadas de folga convocadas polos sindicatos USO e Sitcpla para os tripulantes de cabina (TCP) da aerolínea Ryanair contra o peche o próximo xaneiro das bases de Tenerife Sur, Gran Canaria, Lanzarote e Xirona. 

A compañía anunciou a cancelación de seis voos este 1 de setembro, que, en concreto e segundo rexistrou nun buscador na súa páxina web, cobren as rutas Barcelona-Milán Bérgamo, Barcelona-Sevilla, Madrid-Santiago de Compostela, Milán Bérgamo-Barcelona, Santiago de Compostela-Madrid e Sevilla-Barcelona. Todos os pasaxeiros destes voos foron informados con anterioridade vía SMS. 

Para a folga, convocada para os días 1, 2, 6, 8, 13, 15, 20, 22, 27 e 29 de setembro, Fomento fixou uns servizos mínimos cos que Ryanair está obrigada a garantir o 100% dos voos non peninsulares, o 60% dos peninsulares e internacionais con desprazamento igual ou superior a cinco horas e o 35% dos voos peninsulares con tempo de desprazamento inferior a cinco horas. Desde os sindicatos tacharon estes servizos mínimos de "abusivos" e criticaron que o Goberno "se poña de perfil". 

Para este luns, Ryanair anunciou que se cancelarán un total de oito voos, entre os cales tamén se atopan polo menos dous con orixe ou destino Galicia, que son o de Madrid-Santiago con saída ás 21,15 horas, e o Santiago-Madrid que debería despegar ás 23,15 horas.

Comentarios