O voto por correo só se poderá entregar ao carteiro ao recibir a documentación

No rural, ao contrario, mantense a fórmula coñecida como "ao paso"
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Oficina de Correos. EFE

A dirección de Correos citou ás organizacións sindicais a unha reunión este mércores na que debaterán as instrucións que rexerán o voto por correo para as eleccións do 12 de xullo en Galicia e tamén en Euskadi.

Nelas, defínese como se procederá, por primeira vez de forma xeneralizada para toda a poboación, á recollida do voto nos domicilios dos electores, unha actuación que só se poderá realizar no momento de entregar a documentación. Salvo no rural, en que se mantén a fórmula coñecida como "ao paso", xa que se consideran aos carteiros como oficinas móbiles de admisión.

O borrador de instrucións, ao que tivo acceso Europa Press, recolle xa as demandas trasladadas a pasada semana nunha reunión preparatoria dos representantes sindicais coa dirección. Este encontro realizouse despois de que a xunta electoral central (JEC) acordase que os carteiros poderán recoller os votos nos domicilios nunha resolución do 28 de maio.

Por mor desta resolución, froito dunha consulta formulada por Correos e que coincidía tamén cas demandas da Xunta, os representantes dos traballadores incidiron en que non se debía entrar nos domicilios nin nas residencias de maiores. A JEC considerou que non era preciso habilitar máis medidas extraordinarias para a votación en relación á pandemia por coronavirus á marxe de facilitar que os electores voten desde os seus domicilios.

Neste escenario, a dirección da empresa pública elaborou unhas instrucións, que agora debaterá cos representantes sindicais. Nelas, segundo recolle o borrador ao que accedeu Europa Press, inclúese que o empregado de Correos "deberá expor ao elector, unha vez realizada a entrega (da documentación coas papeletas), que se así o desexa e nese mesmo momento, entréguelle o sobre co voto emitido".

"O empregado de Correos aclarará ao elector que, se non desexa entregar o seu voto nese momento, deberá depositalo nunha oficina de Correos dentro do prazo establecido", engade, a continuación. Isto é, o elector ten só esa opción para evitar ter que desprazarse á oficina de Correos a entregar o voto, un acto que, en todo caso, e unha vez recibida a documentación de forma intransferible, pode realizar outra persoa.

"Non accederá ao interior"

Nestas instrucións, Correos especifica que "o traballador non accederá en ningún caso ao interior do domicilio particular do destinatario/votante".

Tamén apunta que o "repartidor extremará o celo e a dilixencia para manter en todo momento baixo a súa custodia os votos emitidos que recollese, ata a súa entrega na unidade de repartición".

Pero o voto rural rexerase por condicións especiais e, nas propias instrucións de Correos, recórdase que o persoal "haberá de recoller o sobre contendo o voto por correo tanto no mesmo instante de entrega da documentación electoral, como nun momento posterior, sempre que se realice en horarios e puntos afeitos de paso".

Comentarios