Vueling aposta por Santiago cun segundo avión e a ampliación de frecuencias

A nova aeronave chegará a Lavacolla en xuño

Un avión de vueling. EP
photo_camera Un avión de vueling. EP

A aerolínea de baixo custo Vueling confirmou este mércores a súa aposta polo aeroporto de Santiago de Compostela como un dos seus focos de crecemento coa chegada dun segundo avión en xuño de 2019 co que pretende reforzar as doce liñas coas que conta desde Lavacolla.

Así o anunciaron este mércores o director de Rede da compañía Manuel Ambriz, o director de Lavacolla, Ricardo López, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, nunha rolda de prensa no Pazo de Raxoi na que coincidiron en destacar a "boa noticia" que supón para a cidade a consolidación de Vueling.

O segundo avión de base en Santiago será A320 dun total de 180 prazas, o mesmo modelo que o outro que ten destinado neste aeroporto e permitirá a creación de 20 postos de traballo directos e outros tantos indirectos. Deste xeito, coa chegada do avión o 22 de xuño próximo, Vueling ofrecerá un total de 512.000 asentos no verán, explicou Ambriz.

Segundo o responsable da compañía, este paso permitirá unha mellor "preparación" de face á celebración do Xacobeo 2021 que en Vueling consideran un "evento moi importante". Así, a inforporación do novo avión permitirá á compañía incrementar a súa presenza na cidade e as rutas actuais, coa introdución a partir desa data dun novo enlace diario, o terceiro, con Barcelona, e unha frecuencia semanal máis a Tenerife e a Málaga. 

O terceiro enlace diario con Barcelona manterase de forma permanente, de forma que Vueling ofrecerá 22 frecuencias semanais. Ademais, haberá unha nova a Tenerife —tres á semana— e un novo enlace semanal a Málaga na tempada estival. 

En todo caso, avanzou que o obxectivo é incorporar novas liñas internacionais de Vueling desde Santiago. Aínda que non concretou posibles destinos, recordou que a compañía "é forte" en Francia e Italia, ademais de en España. 

Para esta tempada de verán de 2019, Vueling ofrece conexións directas con Ámsterdam, Bruxelas, París, Roma, Zúric, Alacante, Barcelona, Forteventura, Lanzarote, Málaga, Palma de Mallorca e Tenerife. 

BUSCAR A INTENACIONALIZACIÓN DE LAVACOLLA. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, destacou "o traballo conxunto que levan desenvolvendo o Concello e Vueling para consolidar á compañía no aeroporto" na procura da "súa internacionalización" e da mellora da "conectividad máis aló de Madrid". 

O segundo avión de Vueling permitirá, ademais, "incrementar substancialmente a oferta de prazas este mesmo ano, en especial na súa ruta a Barcelona, unha conexión fundamental para o futuro do aeroporto". 

En cifras, tras alcanzar os 2.724.000 viaxeiros en 2018, o incremento da presenza de Vueling sitúa "no camiño do horizonte dos 3 millóns que cada vez está máis cerca", avanzou Noriega. 

Unha nova "aposta de Vueling" que tamén apoia "o traballo que realiza o Aeroporto de Santiago, para mellorar os seus procesos e facelos máis eficientes para as aerolíneas e os pasaxeiros", subliñou Ricardo López, director de Lavacolla. 

Comentarios