Willy Toledo sae en defensa do cómico Carlos Santiago, denunciado por inxurias ao Apóstolo

"O Imperio Ataca de Novo", escribiu no seu perfil de Facebook, ao coñecer a querela da Asociación Española de Abogados Cristianos

Willy Toledo. ZIPI
photo_camera Willy Toledo. ZIPI

O actor Willy Toledo, procesado por insultar a Deus e á Virxe, saíu en defensa do cómico Carlos Santiago, denunciado, como el, pola Asociación Española de Abogados Cristianos, neste caso por ultraxe ao Apóstolo nun pregón de Entroido, querela que foi admitida a trámite.

"O Imperio Ataca de Novo", escribiu no seu perfil de Facebook, ao coñecer que esta asociación se querelló contra o dramaturgo e compañeiro pola presunta comisión dos delitos de inxurias, incitación á discriminación e contra os sentimentos relixiosos en alusións ao Apóstolo e a Virxe do Pilar.

Ese discurso pronunciouno o pasado febreiro, contratado polo concello da capital galega gobernado por Martiño Noriega.

Sobre o pregón de Carlos Santiago, Willy Toledo viu tergiversación do "imperio das dogmas de fe da Igrexa católica Apostólica Pederasta e Romana, que tamén o é do Código Penal da democracia española".

Toledo escribiu que Carlos Santiago foi denunciado por un delito de ofensa aos sentimentos relixiosos polo contido da súa actuación no último pregón de Entroido de Santiago de Compostela.

Segundo Toledo, Santiago interpretaba unha "versión satírica do santo da cidade", personaxe que leva facendo desde hai anos.

Toledo cre que "os sicarios denunciantes de Cristo na terra, moi afeccionados á represión e á vinganza, e moi pouco cristiáns eles, son os de sempre", e conclúe que "o aberrante, de novo, é que a fiscalía e a xudicatura admitiron a trámite a súa denuncia".

Comentarios