O xuíz do Alvia tomba os recursos e mantén como únicos acusados o maquinista e Cortabitarte

Arquívase a causa xudicial contra outros cinco traballadores de Adif e Renfe

Andrés Cortabitarte. AEP
photo_camera Andrés Cortabitarte. AEP

O maquinista monfortino Francisco José Garzón Amo e o que era xefe de seguridade de Adif cando se puxo en marcha a liña ferroviaria Santiago-Ourense, Andrés Cortabitarte, son xa os únicos investigados polo descarrilamento do Alvia 04155 en Santiago, no que houbo 80 mortos, ao arquivarse a causa xudicial contra outras cinco persoas. Con este sobresemento, do que informou este mércores o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, quedan fóra do caso o director de Circulación de Renfe, o xerente do Área de Seguridade na Circulación do Noroeste de Adif e tres técnicos.

O maxistrado competente —destaca o alto tribunal galego— mantén xa que logo que o caso se concentre en Garzón e Cortabitarte por se os feitos que se lles imputan fosen constitutivos de oitenta delitos de homicidio e de 144 de lesións debido a imprudencia profesional grave.

O instrutor rexeita a solicitude da defensa do maquinista do tren para que se arquive a causa contra el

Na súa resolución, en canto aos recursos sobre peticións de mantemento da imputación do director de Circulación de Renfe na data dos feitos, o xuíz argumenta que a responsabilidade do "mesmo cínguese ao material rodante e á formación do maquinista" e asegura que "non consta que houber incorrido en incumprimento normativo e/ou técnico algún". A Dirección de Seguridade na Circulación de Renfe, segundo o instrutor, "cumpriu co seu labor, que non era outro máis que habilitar un material rodante tecnicamente adecuado e pór aos mandos do mesmo a un maquinista debidamente formado e dotado das habilitacións profesionais legalmente exixibles".

O maxistrado tamén defende o sobresemento das actuacións contra o xerente do Área de Seguridade na Circulación do Noroeste de Adif. Así, destaca na resolución que é "evidente que máis aló da denominación do seu cargo, carece de competencia algunha no ámbito da avaliación de riscos que aquí nos ocupa".

O auto pode ser recorrido ante a Audiencia Provincial da Coruña

No auto, ademais, rexeita a solicitude da defensa do maquinista do tren para que se arquive a causa contra el. O instrutor subliña que da investigación se deduce que "incumpriu a súa obrigación esencial: respectar o cadro de velocidades máximas, e iso xerou un resultado catastrófico".

O feito de que outros responsables de Adif incumpran tamén presuntamente a súa obrigación de realizar unha correcta avaliación dos riscos que puidese comportar melloras na infraestrutura ou no subsistema de control, mando e sinalización, subscribe o xuíz, non exclúe a responsabilidade do maquinista nin o exonera da súa presunta responsabilidade no sinistro. Pois, continúa, de respectar o cadro de velocidades que tiña á súa disposición, tal e como fixo en múltiples ocasións anteriores en que circulou por ese mesmo punto, o accidente non se produciu, recalca.

O instrutor acorda ademais nesta resolución da que informou á prensa o alto tribunal galego a suspensión do trámite de cualificación e de resolución de petición de dilixencias complementarias ata que o auto, que pode ser recorrido ante a Audiencia Provincial da Coruña, sexa firme.

Comentarios