O xulgado ordena á familia Franco que devolva Meirás o 10 de decembro

A xuíza fixou a entrega voluntaria do inmoble por parte dos herdeiros do ditador ás 11 horas ante unha comisión xudicial 
El pazo de Meirás. EFE
photo_camera O pazo de Meirás. EFE

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña acordou, a instancias do Estado, a execución provisional da sentenza que declara que o pazo de Meirás é propiedade pública e por iso ordena á familia Franco a súa devolución o próximo 10 de decembro.

Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) informan da decisión da maxistrada, que fixou a entrega voluntaria do inmoble polos herdeiros do ditador ás 11:00 horas ante unha comisión xudicial por motivos de seguridade e para preservar a súa integridade. Os demandados mostráronse conformes coa execución provisional da sentenza, pero, engaden as fontes, se non realizan a entrega no día e hora sinalados, a xuíza avisa de que se procederá no mesmo acto "ao inmediato desaloxo".

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña estimou o pasado 2 de setembro a demanda interposta polo Estado e declarouno propietario do Pazo de Meirás, polo que condenou á familia Franco á devolución do inmoble sen ser indemnizada polos gastos nos que afirmaba incorrer para o mantemento da propiedade. No procedemento, a Xunta de Galicia, o Concello de Sada, o da Coruña e a Deputación provincial apoiaron a postura da Avogacía do Estado, mentres que como demandados constaban seis familiares de Francisco Franco e unha sociedade limitada.

A familia Franco xa recorreu a sentenza, cuxa execución provisional levará a cabo en decembro, ante a Audiencia Provincial da Coruña. 

Comentarios