Xulgan a un home en Ourense por abusos sexuais á súa sogra e a unha menor

Enfróntase a sete anos e medio polos supostos feitos á nai e unha sobriña da súa muller

Un home enfrontarase en Ourense a próxima semana a penas que suman sete anos e medio de prisión por supostos abusos sexuais á súa sogra e a unha sobriña da súa muller, menor de idade, por senllos delitos de abusos sexuais, un deles continuado. 

A Audiencia Provincial de Ourense reservou dous días -14 e 15- deste mes para celebrar a vista, que se fará a porta pechada.

O Ministerio Público considera acreditado que o acusado, que cando ocorreron os feitos convivía no domicilio dos seus sogros xunto á súa muller e ao seu fillo, accedeu na madrugada do día 3 de setembro de 2017 á habitación da súa sogra e crendo que estaba durmida “levantou as sabas da cama” e realizoulle diversos tocamentos “co fin de satisfacer o seu libido”.

Nese momento, a muller espertouse e díxolle: "¡Que carallo estás facendo!", momento no que o home intentou xustificarse e saíu da habitación.

En concreto, a Fiscalía cre que esta mesma persoa “en múltiples ocasións” e con ánimo “libidinoso e para satisfacer o seu apetito sexual” realizou tocamentos a unha sobriña da súa muller.

Considera probado que valéndose da “confianza” e relación que mantiña coa súa muller introduciuse “en múltiples ocasións” pola noite cando a nena xa se atopaba durmindo na súa habitación “movido por ánimo libidinoso e para satisfacer o seu apetito sexual” e realizoulle tocamentos.

Como consecuencia do ocorrido, a menor sufriu “crise de ansiedade e cefaleas” que requiriron tratamento médico e antidepresivos. 

Por este motivo, o fiscal solicita penas de prisión para o procesado coa prohibición de achegarse a ambas, no caso da sogra, a menos de 300 metros durante o período de tres anos, e a menos de 500 metros á menor, neste caso, sete anos.