Xuño, un dos meses "máis fríos e atípicos" en Galicia nas últimas dúas décadas

As temperaturas máximas e mínimas estiveron por baixo dos valores normais do período climático de referencia 1981-2010

Vista de la ciudad de Lugo completamente cubierta de nubes. TINO
photo_camera Ceo nubrado en Lugo. TINO

A comunidade galega rexistrou un dos meses de xuño "máis fríos e atípicos" nas últimas dúas décadas, segundo o informe climatolóxico de MeteoGalicia, que compara os rexistros de temperatura e choiva do mes pasado cos valores medios do período climático de referencia 1981-2010.

O mes de xuño caracterizouse por ser "moi frío e húmido", con precipitacións por encima do normal. A esta situación contribuíron tanto as temperaturas máximas, moi frías, como as mínimas, que se poden considerar "extremadamente frías" para a época do ano.

Segundo os datos observados nas 11 estacións máis representativas de Galicia, a temperatura media presentou unha anomalía de case dous graos por baixo do normal, concretamente de 1,86º C.

Por este motivo, xuño resultou en xeral un mes moi frío, especialmente nas zonas máis ao sur da comunidade. De feito, hai que remontarse ao ano 1997 para atopar o precedente máis próximo cunha irregularidade das temperaturas maior.

PRECIPITACIÓNS. Polo que respecta ás precipitacións, xuño pódese considerar húmido no conxunto de Galicia, cun 16% máis de choiva acumulada do esperado. En todo caso, os valores rexistrados nas estacións meteorolóxicas máis representativas da comunidade "quedaron lonxe" dos do ano pasado, xa que no mesmo período de 2018 choveu un 108% por encima do normal.

Ao longo de todo o mes predominaron as baixas presións asociadas á presenza de sucesivas borrascas no Atlántico. Isto tradúcese en moitos días nubrados, con temperaturas baixas e inferiores ao que se espera nesta época, pero con poucas precipitacións.

O episodio máis destacable durante este período, segundo a Xunta, foi 'Miguel', unha borrasca profunda de tipo explosivo que pasou moi preto da comunidade a principios de mes. Os ventos asociados á mesma obrigaron a dar avisos de nivel laranxa e a entrada de aire frío acompañado de chuvascos que se manifestaron en forma de neve en zonas de montaña nas provincias de Lugo e Ourense.

Comentarios