Xunta e Abanca renovan o convenio para ceder vivendas de aluguer social a máis de 80 familias

O programa prolóngase ata o ano 2022 coa nova prórroga

Ángeles Vázquez y Francisco Botas, en la firma del acuerdo. EFE
photo_camera Ángeles Vázquez e Francisco Botas, na sinatura do acordo este venres. EFE

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, renovaron o convenio de colaboración para ceder vivendas de aluguer social a máis de 80 familias

Coa ampliación do acordo asinado en 2015, prolóngase por tres anos máis, ata 2022, a cesión de vivendas da entidade financeira para destinalas a arrendamento social por parte da Administración autonómica. Así, a Xunta facilitará que continúen residindo nas súas vivendas, en réxime de aluguer social, familias afectadas por execucións hipotecarias. 

Así mesmo, o novo convenio establece a posibilidade de cesión de novas vivendas por parte da entidade, que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) destinará a atender casos de urxencia social. Esta medida é acorde cos fins que establece o programa Realoxo de afectados por execucións hipotecarias, co que se pretende dar unha resposta a aquelas persoas que perderon a súa vivenda. Así, facilítase un inmoble propiedade do IGVS ou cedidos á Xunta polas entidades financeiras.

BONO DE ALUGUER SOCIAL. A conselleira recordou que para aqueles casos que necesitan dun apoio urxente, cóntase co Bono de Aluguer Social. Trátase dunha axuda cun importe máximo de 225 euros mensuais que se concede por un período de 12 meses prorrogables ata un total de tres anos. Ademais, inclúe unha axuda única adicional de 600 euros para facer fronte aos pagos atrasados ou aos gastos de formalización dun novo contrato. 

O conselleiro delegado de Abanca, pola súa banda, reiterou que a entidade se suma de novo ao convenio ao considerar que é "unha ferramenta positiva" para axudar ás persoas que atravesan situacións de dificultade relacionadas coa súa vivenda". Botas asegurou, ademais, que Abanca seguirá adoptando todas aquelas medidas que permitan achegar solucións a ese problema. 

Comentarios