A Xunta abre este mércores o prazo de solicitude de axudas para libros de texto

As condicións de renda flexibilízanse para dar cobertura a máis familias e auméntanse os fondos nun 63 % 

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional abre este mércores o prazo de solicitudes para participar no Fondo Solidario de Libros de Texto e para optar ás axudas para adquisición de libros e material escolar, destinadas a alumnos de Educación Primaria, Eso e Educación Especial para o curso 2020-2021.

Segundo informou a Consellería e tal e como se publica no Diario Oficial de Galicia este martes, a convocatoria estará aberta desde este mércores e ata o 19 de xuño.

Educación trasladou que os fondos para estas axudas increméntanse nun 63 por cento, até case os 19,7 millóns de euros, "co fin de reforzar o apoio ás familias ante a situación de crise xerada pola pandemia de Covid-19".

Así, destinaranse 7,75 millóns ao Fondo Solidario de Libros de texto, 6,43 millóns para axudas de compra de libros, e 5,5 millóns para vales de material escolar. Así mesmo, flexibilizaranse os límites de renda para acceder esas axudas.

AXUDAS PARA A COMPRA DE LIBROS 

As axudas para a compra de libros están dirixidas a alumnos matriculados en 1º e 2º de Educación Primaria, a alumnos de Educación Especial, e aqueles con unha discapacidade igual ou superior ao 65 %. 

O próximo curso modificaranse os tramos de renda per cápita familiar para chegar a máis familias, e a contía das axudas aumentará entre 40 e 50 euros, segundo o tramo de renda. 

Deste xeito, para as familias de alumnos de Educación Primaria con renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros, darase unha axuda de 210 euros; mentres que as familias que superen esa renda, terán unha axuda de 140 euros

Os alumnos matriculados en Educación Especial, ou con discapacidade igual ou superior ao 65 % recibirán, se cumpren os requisitos, unha axuda de 275 euros, con independencia da renda per cápita familiar. Así mesmo, os estudantes que estean en situación de garda ou tutela da Xunta recibirán a axuda máxima de 210 euros, sen necesidade de acreditar nivel de renda.

FONDO SOLIDARIO 

Con respecto ao Fondo Solidario (para alumnos de 3º,4º,5 e 6º de Primaria e alumnos de Eso), a asignación de libros de texto farase por orde inversa á renda per cápita familiar, e terán preferencia os alumnos en situación de garda ou tutela da Xunta ou os que teñan discapacidade.

No caso de que os libros dispoñibles non alcancen para chegar á cobertura que se presta na convocatoria de axudas, o centro adquirirá os libros complementarios que sexan necesarios. En todo caso, para acceder aos libros é necesario devolver os manuais do curso anterior (no caso de que fosen do Fondo).

No caso do Fondo tamén se flexibilizan as condicións de renda, de modo que os alumnos con renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros (e aqueles tutelados pola Xunta, ou os que teñen discapacidade igual ou superior ao 65 %) terán garantidos 6 libros; mentres que as rendas entre 6.000 e 10.000 euros terán acceso a 4 libros.

Finalmente, os vales de axuda para material escolar están destinados a alumnos de Primaria e Eso cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros, e mantense a contía de 50 euros.

SOLICITUDES

As solicitudes poderán facerse (preferentemente) por vía electrónica, usando a aplicación informática 'fondolibros', na web do fondo de libros da Xunta, ou ben a través da sede electrónica da Xunta. Tamén poderán entregarse presencialmente nos propios centros ou en rexistros de sedes administrativas.

No curso 2019-2020, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional repartiu de forma gratuíta case 600.000 libros de texto do Fondo Solidario a máis de 100.000 alumnos. Así mesmo, 26.746 alumnos beneficiáronse das axudas para a adquisición dos manuais, e máis de 93.500 estudantes recibiron vales para comprar material escolar. 

Comentarios